Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal abre a súa novena edición con prazo ata o 28 de febreiro

A Real Academia Galega e PuntoGal veñen de abrir a convocatoria da novena edición do Concurso de microrrelatos, unha iniciativa que promove a creación literaria en lingua galega a través de textos de extensión moi breve. O certame estará aberto ata o 28 de febreiro e permite presentar ata dous relatos por persoa, cun máximo de 200 palabras, nas categorías infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos (a partir dos 18 anos). As bases completas e o formulario de participación están dispoñibles en relatos.gal.

A presentación desta nova edición tivo lugar este mediodía na Fundación Luis Seoane, nun acto no que participaron a arquiveira bibliotecaria da Real Academia Galega, María Dolores Sánchez Palomino; o presidente de PuntoGal, Manuel González González, e a editora de Luzes, Ana Cermeño. Segundo os datos achegados pola organización, ao longo das oito edicións anteriores participaron máis de 7.000 persoas e resultaron premiados 68 relatos.

Os textos gañadores poden consultarse nas edicións dixitais dispoñibles en academia.gal e relatos.gal, así como na edición en papel de Luzes, publicación que recolle cada ano tamén os relatos finalistas. Entre as autoras e autores distinguidos figuran tanto escritores afeccionados como nomes con traxectoria recoñecida, así como participantes que atoparon neste certame un dos seus primeiros recoñecementos públicos.

Durante a presentación, María Dolores Sánchez Palomino destacou que “a Real Academia Galega está moi satisfeita de promover, xunto a Dominio Puntogal, este concurso de microrrelatos que está calando fondo na sociedade galega, como demostra o incremento da participación nel ano tras ano”. A académica subliñou tamén que a iniciativa contribúe a “espertar vocacións literarias en todo tipo de público” e salientou o interese do microrrelato como subxénero literario, pola súa capacidade para condensar emocións e ideas nun espazo moi reducido.

Pola súa banda, o presidente de PuntoGal, Manuel González González, puxo o acento no carácter interxeracional do certame e na crecente participación da xente máis nova, especialmente a través dos centros educativos. “En non poucos casos é a primeira vez que escriben textos creativos en lingua galega con pretensión literaria, e isto énchenos de satisfacción”, afirmou, sinalando que o concurso funciona tamén como unha porta de entrada á creación literaria en galego.

A editora de Luzes, Ana Cermeño, enmarcou a colaboración no compromiso coa lingua e coa promoción de novos creadores: “Apostamos polos escritores deste concurso de microrrelatos porque cremos na necesidade de impulsar e apoiar aos creadores que sintan en galego en calquera parte do mundo”.

Os xurados

A novena edición contará con dous xurados, un para a categoría de persoas adultas e outro para as categorías infantil e xuvenil. No xurado de adultos participan, en representación da RAG, Víctor F. Freixanes e María López-Sández; por parte de PuntoGal, Manuel González e Cristina Ríos; e, por Luzes, Inés Sánchez.
O xurado das categorías infantil e xuvenil está integrado por María Dolores Sánchez Palomino e Fina Casalderrey pola RAG; Darío Janeiro e Concha Losada por PuntoGal; e Fernando Mahía en representación de Luzes.

Campaña de PuntaGal

Con motivo do noveno aniversario do concurso, PuntoGal lanzou unha promoción especial que permite rexistrar un dominio .gal por dous anos por menos de 15 euros máis IVE, a través de varios rexistradores colaboradores. A imaxe promocional desta edición é unha adaptación da obra “Raíces e Cultura. Pintando redes”, realizada por Diego Linhares para o expositor de PuntoGal no Culturgal, e simboliza a idea de crecemento, conexión e creación compartida.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.