Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A literatura galega reivindícase no Festival Eñe con sete voces da creación contemporánea

O Festival Eñe incorpora de novo un espazo dedicado á creación galega a través da sección Ventá á literatura galega, que contará esta fin de semana coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Desde Madrid, o responsable autonómico destacou “a forza e a diversidade de linguaxes que abrangue a nosa cultura”, unha idea que, segundo indicou, quedará reflectida na ampla representación de autores e autoras convidadas.

O certame, que se estende ata o 30 de novembro en Madrid e Málaga, reúne este ano 180 autores de 23 países de Europa e Latinoamérica ao longo de 90 actos programados en distintas sedes culturais. Dentro deste marco, Galicia participa a través dun programa que pretende mostrar “todo o talento e versatilidade da nosa cultura”, explicou Lorenzo.

A sección está comisariada polo xornalista Camilo Franco, responsable dunha proposta que reúne sete creadoras e creadores galegos: os guionistas Pepe Coira e Araceli Gonda; a compositora e música Su Garrido; e os poetas Samuel L. París, Olga Novo e Miriam Reyes, estas dúas últimas recoñecidas co Premio Nacional de Poesía en 2025 e 2020, respectivamente.

O programa arrancará cun diálogo entre Araceli Gonda e Pepe Coira, centrado na narrativa audiovisual e no poder das historias. A continuación, terá lugar unha conversa entre Miriam Reyes e Samuel L. París sobre o papel da poesía na escena actual. A programación pecharase cun recital poético-musical protagonizado por Olga Novo e Su Garrido Pombo.

Segundo o director xeral, esta Ventá á literatura galega constitúe “toda unha xanela que permite descubrir a nosa escena cultural viva e talentosa e unha oportunidade para escoitar, ver e ler como Galicia escribe, relata e canta o seu tempo”. Con esta participación, o Festival Eñe incorpora unha aproximación á creación galega actual desde a perspectiva dos seus propios protagonistas e a través de formatos diversos que combinan palabra, música e reflexión sobre os modos contemporáneos de contar.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.