A retransmisión do Xeorxia-España deste sábado na Televisión Española encheu as redes de reacción. TRVE ofrece, por primeira vez na historia, a posibilidade de seguir a narración en galego dos partidos da Selección Española de fútbol. Pero esta fin de semana, a opción de Audio 1, é dicir, a que vén por defecto, era en galego.
Esta acción fora anunciada o pasado mes de outubro por RTVE como parte do seu compromiso co pluringüismo e co reforzo da presenza das linguas cooficiais na radiotelevisión pública.
A narración correu a cargo de Carlos Jiménez e Enrique Morales, con achegas técnicas do exfutbolista Manel Fernández Anidos, nunha proposta pensada para ampliar a oferta lingüística e achegar o seguimento da Selección ao público galegofalante.
A novidade tivo un impacto inmediato en redes sociais. O director de RTVE, José Pablo López, destacou a relevancia da estrea ao lembrar que “é a primeira vez que un partido da selección española se narra en galego en TVE” e enmarcou a decisión na vontade da corporación de reforzar o uso das linguas propias do Estado.
Con todo, a recepción foi diversa. Parte dos usuarios mostrou sorpresa ao atopar a narración galega activada nos seus televisores, mesmo dende a pista de audio principal. “Pensaba que era cousa de ter o audio 2, pero non, teño o audio 1 e por defecto sae a narración en galego”, escribía un internauta, reflectindo a sorpresa compartida por outros espectadores.
Hostia, pensaba que era cousa de que tiña o audio 2 en La 1, pero non, teño o audio 1 e por defecto sae a narración en galego no partido de España. Chámame a atención si.
— Javi CS (@JaviCalvinho) November 15, 2025
Tamén houbo mensaxes de protesta, especialmente de usuarios que aseguraron non atopar a opción en castelán. “Por que en Galicia se está transmitindo en galego sen posibilidade de elixir o castelán? Aquí tamén viven españois que non falan galego”, queixábase outro usuario na rede.
¿Por qué en Galicia se está transmitiendo en Gallego sin posibilidad de elegir el idioma Castellano? Aquí también viven españoles que no hablan Gallego.
— A P J (@APisaJaraba) November 15, 2025
A plataforma Hablamos Español, pola súa banda, difundiu un chío no que relataba que, para recuperar a narración en castelán, tivo que configurar a emisión “como se fose unha película en versión orixinal”.
Hola #HablamosEspañol Me acabo de enterar que si pones en la 1 el partido de España aparece la narración en gallego.
Fui a ajustes de idioma y para pasar al español tuve que seleccionar como si fuese una película extranjera en versión original. #Galuña #Catalicia pic.twitter.com/uIFGA8lsOy— Hablamos Español (@HablamosE) November 15, 2025
Noutro extremo, outras mensaxes celebraron a iniciativa ou ironizaron sobre a polémica xerada. Un chío moi compartido definía a emisión en galego como un “agasallo” para as galegas e galegos, mentres outro usuario criticaba a reacción dalgúns sectores e reivindicaba o dereito a poder escoitar o fútbol na lingua propia.