Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Dicionario da RAG medra con cen novas voces e amplía familias léxicas

O Dicionario da Real Academia Galega incorpora un cento de novas voces na súa última actualización, un proceso co que a institución continúa ampliando e afinando esta ferramenta fundamental para o uso e estudo da lingua. Entre as incorporacións destacan palabras que completan familias léxicas xa presentes, como antiincendios, bucinada, descifraxe / desciframento, estudantado, polifacetismo, parafusería, postergación, posvenda, ludoteca e enoteca / viñoteca. A actualización incorpora tamén termos do uso tradicional, entre eles bochinche, eis, naipelo, pataqueiro, -a, poma ou rianxo.

O Seminario de Lexicografía inclúe ademais expresións documentadas como a descomán, equivalente a a desmán, e a sabendas de, así como voces de creación ou difusión máis recente, entre elas autofoto, conurbación, dina, feísmo, surfear ou o xentilicio gazano, -a.

O ámbito científico conta cun papel destacado nesta revisión, que suma termos como audioloxía, bolboretario / xardín de bolboretas, grampositivo, -a, gramnegativo, -a e galeguística. Estas incorporacións contribúen a ampliar a presenza de vocabulario especializado nun dicionario que supera as 58.000 entradas.

Segundo explica a institución, o Seminario de Lexicografía —coordinado polo académico Manuel González— mantén unha revisión constante do Dicionario en liña, dispoñible de balde en academia.gal/dicionario. Ademais de incorporar palabras que designan novas realidades, inclúese o labor de completado das familias derivativas, que facilita a resolución de dúbidas sobre a normativa, ás veces de carácter estritamente ortográfico. É o caso de adictivo, unha das voces engadidas, que permite diferenciar de maneira clara esta forma de aditivo, de significado distinto.

A actualización responde tamén ás achegas realizadas pola cidadanía a través da lapela ‘Axúdanos a mellorar’, unha canle que a Academia ten en conta de maneira habitual. Algunhas das incorporacións recentes —como alfombreiro, -a ou auguista, engadidas en xullo— ou as presentes bolboretario e gazano, -a, xorden precisamente deste proceso de escoita.

O Dicionario da RAG rexistra arredor de tres millóns de consultas mensuais entre a súa versión web e a aplicación móbil para Android e iOS, unha cifra que amosa a centralidade desta ferramenta para o conxunto de usuarios da lingua galega.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.