A Escola de Neofalantes, iniciativa cultural posta en marcha a comezos deste ano en Lourenzá, vén de anunciar unha nova edición do curso ‘Galego para Neofalantes’, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender a lingua galega e acadar a competencia necesaria para obter a certificación Celga.
O programa combina formación lingüística e actividades de carácter cultural, co obxectivo de crear un espazo de encontro para persoas de diferentes procedencias que queiran incorporarse ao uso habitual do galego. As sesións desenvolveranse tanto de forma presencial como en liña, coa intención de facilitar a participación desde diferentes puntos de Galicia.
A presentación oficial do curso está prevista para o 23 de novembro, na aula de inglés do Multiusos “Ponte de Cuñas”, en Lourenzá, coincidindo co inicio das sesións formativas. A inscrición é gratuíta e permanecerá aberta ata o 20 de novembro.
As persoas interesadas poden anotarse chamando aos números 639 154 386 e 629 668 251, ou consultar máis información a través da páxina de Facebook do Proxecto Neo, entidade colaboradora neste proxecto formativo.