Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A regueifa regresa ás aulas: máis de 80 obradoiros e un certame con novas categorías premiarán a creatividade en galego

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, encabezou no Pazo de Raxoi a presentación da nova edición de ‘Reguéifate’, un programa que promove o uso do galego a través da tradición da improvisación oral. No acto participaron tamén o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Normalización Lingüística de Arzúa, Lucía López Sobrado; a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez. O Concello de Teo forma igualmente parte da iniciativa, aínda que non estivo presente pola coincidencia co San Martiño.

A xornada comezou cunha pequena regueifa interpretada por José Teixeira, Xairo Delbou, Núria das Cruces e Manuel E. Pablo, que serviu como convite á participación.

Sanmartín definiu o proxecto como “un valado interxeracional para incrementar o uso do galego entre a mocidade”, destacando a creación de espazos de encontro coa xente maior e o humor propio da tradición oral. “O que intenta é fomentar o uso do galego entre a xente máis nova, xerando esa ligazón coas persoas maiores e co patrimonio da poesía oral improvisada”, sinalou a rexedora, quen puxo en valor a boa acollida das actividades celebradas nas anteriores edicións.

No bloque formativo, o alcalde de Ames, Blas García, anunciou que os obradoiros para profesorado comezarán no Pazo da Peregrina de Ames en horario de 16:30 a 20:30 horas, con docencia a cargo de Manolo Maceda, Xecho Xende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A inscrición está aberta ata o 12 de novembro, con 45 prazas dispoñibles para docentes de toda Galicia. “Buscamos promover expresión, empatía e traballo en equipo nas aulas para transmitir os valores da regueifa”, explicou García, subliñando que o enfoque pedagóxico se basea na diversidade, cooperación, integración e feminismo.

A concelleira de Arzúa, Lucía López Sobrado, detallou que entre finais de novembro e febreiro de 2026 se desenvolverán preto de 80 obradoiros escolares para alumnado de 5º e 6º de Primaria e ESO nos concellos participantes. O equipo formador estará integrado por Josinho da Teixeira, Núria das Cruces, Xairo de Herbón, Manuel Hepardo, Lupe Blanco, O Rabelo e Cristian de Burela. “A regueifa é unha ferramenta de empoderamento lingüístico e de orgullo colectivo; o obxectivo é que as novas xeracións se sintan seguras da súa lingua e da creatividade que poden desenvolver en galego”, afirmou López Sobrado.

A parte participativa chegará co Certame Regueifeiro, que Maruxa Suárez Cotelo cualificou como “unha das citas máis agardadas”. O ano pasado presentáronse preto dun cento de vídeos e a organización aspira a superar esa cifra. O concurso está aberto tanto a centros de ensino como a participantes individuais, con condicións sinxelas: mínimo dúas persoas regueifando en galego e un vídeo de ata tres minutos. O prazo de envío abrirase o 12 de xaneiro e rematará o 6 de marzo, coas bases dispoñibles na web oficial de Reguéifate.

En canto aos premios, o concelleiro pontevedrés Demetrio Gómez anunciou a creación de dúas categorías (xeral e escolar) con oito galardóns en cada unha. Ademais das tradicionais distincións a mellor cantada e mellor falada, incorporaranse novas modalidades: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, máis inclusiva e máis lúdica. A gala de entrega terá lugar o 16 de abril ás 11:45 no Teatro Principal de Pontevedra. “Queremos gozar dunha cultura viva, moderna e plenamente inserida no mundo de hoxe”, afirmou Gómez.

A alcaldesa Goretti Sanmartín pechou o acto convidando á participación de centros e cidadanía para superar as cifras doutras edicións: “Calquera persoa que proba a regueifa quere continuar”. A responsable municipal destacou a incorporación de Arzúa e expresou o desexo de sumar máis concellos para consolidar unha rede galega de transmisión da regueifa como práctica cultural e vehículo de uso social do galego.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.