Christian Lucas (@elvenegalle) chegou a Galicia hai unha década, procedente de Venezuela, o país onde naceron el e os seus irmáns despois de que os seus pais, emigrantes portugueses, fixesen daquel territorio o seu fogar. “Son venezolano cen por cento, aínda que con sangue portuguesa”, explica cando fala da súa orixe, que resume como unha historia común de movementos e mestizaxes. Instalado en Santiago de Compostela, compaxina múltiples ocupacións: é laceiro municipal, encargado de rescatar animais extraviados ou feridos; adestrador persoal e tamén creador de contido, un oficio que define como “híbrido” porque lle gusta facer de todo: vídeos de deporte, motor, vida cotiá ou calquera outra actividade que lle permita expresarse.
O seu contacto co galego comezou apenas tres meses despois de chegar. Traballando en Arzúa, lembra que foi alí onde escoitou por primeira vez a lingua galega. “O primeiro que aprendín foi a palabra ‘ho’. Dicía ‘ho’ para todo: ‘A ver, ho’, ‘Non ho’”, conta entre risas. Aquel inicio anecdótico transformouse axiña nun compromiso persoal: aprender galego como mostra de agradecemento e integración. “Penso que o mínimo que podía facer era falar a lingua de quen me abrira as portas”, di.
A súa relación coa lingua naceu da curiosidade, pero tamén da empatía. “Eu son o intruso, o que chega de fóra. Entón o meu xeito de agradecer é aprender o idioma. Paréceme triste que se estea a perder, sobre todo sendo algo tan propio”. Dende entón, Christian converteuse nun defensor convencido do galego, ata o punto de fixarse un obxectivo claro: “Quero ser o primeiro latino en reivindicalo”.
Non todo o camiño foi doado. Segundo relata, as principais críticas non lle viñeron de galegos, senón doutras persoas latinoamericanas. “A maioría dos comentarios negativos nas redes sociais son de compatriotas”, explica. “Os galegos, polo contrario, agradéceno moitísimo, síntense orgullosos de que alguén de fóra fale o seu idioma”. Lembra tamén algunha reacción illada de galegos que lle reprocharon que o falase con acento ou que non o facía “ben de todo”, pero non lle deu importancia. “Aprendín por ensaio e erro, falando coa xente e escoitando. Despois perfeccioneino un pouco cunha profesora para mellorar a escrita”, comenta.
As redes sociais tiveron un papel decisivo na súa visibilidade. Un vídeo no que se presentaba dicindo “Son venezolano e falo galego” fíxose viral con centos de miles de reproducións. “Á xente gustoulle moito, e pensei: se me criticaron tanto por isto, agora vou aproveitalo para algo positivo”, lembra. Dende entón participou en programas da Televisión de Galicia, en pódcasts e mesmo recibiu invitacións de institutos para dar charlas sobre integración e lingua, especialmente ante alumnado latino.
O creador confesa que moitos mozos latinoamericanos lle escriben en privado para preguntar como empezar. “O primeiro que lles digo é que teñen que quitar a vergoña. Cando falas un idioma que non é o teu, vas sentir que fas o parvo, pero dá igual. Hai que repetir, equivocarse, insistir”, asegura. Para el, o segredo é a motivación: “Se realmente queres aprender, atoparás o xeito. Pero se non tes un motivo, se che dá igual, non vai pasar”.