O proxecto ‘Modo galego, actívao’ naceu hai catro anos da confluencia entre o Seminario de Sociolingüística da RAG, o Concello de Ames e os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos. A súa premisa é clara, como resumiu Vázquez Grandío: “Quere ser un intento de transcender o diagnóstico e pasar á intervención”. Cada actividade concíbese, ao tempo, como acción de dinamización e instrumento avaliábel, co obxectivo de medir a súa efectividade e afinar o método curso a curso.
A proposta parte dunha base empírica. Primeiro, cun estudo sociolingüístico nun CEIP de Ames que abriu a porta á colaboración institucional. Despois, coa elaboración do mapa sociolingüístico escolar do municipio. Daqueles datos xurdiu un diagnóstico preciso: malia que as familias se reparten a grandes trazos entre galegofalantes e castelanfalantes, no alumnado avanza o monolingüismo en castelán e obsérvase unha caída temperá do uso do galego nas primeiras etapas de escolarización. Con esa fotografía, o equipo marcou dous obxectivos centrais: evitar a desgaleguización do alumnado que xa ten galego de orixe e favorecer a incorporación normalizada á lingua do alumnado castelanfalante e inmigrante, reforzando a súa autoconfianza e o seu uso cotián.
O enfoque non pon o acento nas competencias formais —“xa existen de base”, sinalou— senón na activación do uso real da lingua. “O problema era máis ben de levalo á práctica”, explicou. Por iso, o proxecto procura crear espazos seguros e estimulantes, asociar o galego a experiencias positivas, achegar referentes próximos e ofrecer recursos ao profesorado e ao persoal municipal que traballa nos servizos de conciliación —madrugadores, comedor ou actividades extraescolares—, espazos de convivencia fundamentais no contexto amesán. O traballo faise a escala municipal: non se actúa sobre un centro illado, senón sobre o conxunto da comunidade educativa, implicando tamén familias e tecido local. Mesmo a propia marca, ‘Modo galego, actívao’, xurdiu dun proceso compartido e converteuse nun recurso pedagóxico habitual: “Ás veces, en vez de dicir ‘esta materia é en galego’, díselles ‘hai que activar o modo galego’ e o alumnado entra nunha dinámica lúdica”, contou o técnico da RAG.
O proxecto comezou a tomar forma en 2021, coa publicación do mapa sociolingüístico e a presentación dos resultados aos claustros. No curso 2022–2023 desenvolveuse a primeira programación anual e, desde entón, cada edición foi axustándose a partir da avaliación. A estrutura combina difusión e sensibilización —con vídeos, presenza na radio municipal e charlas para familias—, iniciativas de dinamización nos centros, formación e acompañamento profesional e unha avaliación integrada que recolle enquisas, entrevistas e instrumentos específicos, como follas de seguimento e rexistros nunha aplicación.
O corazón do programa é o compromiso lingüístico, inspirado en experiencias como ‘21 días co galego’ ou Euskaraldia e adaptado ao contexto local. Comeza cunha semana de expectativa, continúa cun mes de actividades e concrétase nun contrato de aula negociado co titorado: a clase asume un reto colectivo de empregar o galego durante un tempo determinado e recibe unha recompensa compartida —un recreo máis longo, unha sesión especial de cine, unha saída— se o cumpre. As primeiras edicións empregaron un blog e materiais de reflexión, como a folla de semáforos na que cada neno e nena valoraba a súa activación diaria, e incorporaron mensaxes de apoio de artistas e referentes para conectar co alumnado.
As avaliacións iniciais sinalaron dúas eivas: activación irregular ao longo das semanas e carga excesiva para o profesorado. A resposta foi simplificar e introducir retos diarios máis breves, ligados ao uso ou á valorización do galego, con adesivos-insignias que reforzan a motivación. O seguimento faise agora a través dunha aplicación sinxela, e o calendario péchase cun acto simbólico que dá visibilidade ao proceso —por exemplo, acudir á escola vestidos de azul, a cor asociada ao compromiso coa lingua—.
A dimensión comunitaria é outro dos piares. O proxecto busca multiplicar espellos positivos: achega referentes culturais e sociais, dálle voz ao alumnado na radio local e implica o conxunto do concello, ata o punto de que a corporación municipal asinou tamén o compromiso. A idea é que falar galego se perciba como algo natural e compartido, tanto dentro como fóra da escola. Mentres tanto, o equipo traballa xa na ampliación do modelo á ESO, para dar continuidade á aprendizaxe lingüística e non perder o impulso ao cambiar de etapa.
Os datos de satisfacción avalan o camiño: máis do 80 % do alumnado declara que o pasa moi ben nas actividades, cunha resposta especialmente positiva entre o alumnado galegofalante, que di sentirse “apoderado” e “reivindicado” no uso da lingua durante o período do programa. Para Vázquez Grandío, esa é a medida do éxito: un proxecto colaborativo que “se converte nun contexto de investigación en dinamización lingüística”, capaz de pilotar, medir e axustar. O obxectivo, dixo, segue sendo o mesmo desde o principio: facer que o galego dea o salto do espazo regulado á vida cotiá da rapazada, un reto cada día.