Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Fernando Mosquera, o arxentino que recuperou o galego que escoitaba na casa dos seus avós: “Vivir en Bos Aires é como vivir en Galicia”

Fernando Mosquera presenta o seu relato con certa modestia, pero o seu testemuño é o dun dos moitos descendentes da emigración galega que manteñen viva a lingua dos seus devanceiros ao outro lado do Atlántico. Nado en Bos Aires (Arxentina), Fernando é fillo de galegos da comarca do Carballiño: o seu pai procede de Maside e a súa nai de Cea. Aínda que nunca viviu en Galicia, fala galego con naturalidade e recoñece que “é a lingua que escoitei na casa e logo decidín falar”.

De profesión carpinteiro e tamén gaiteiro, forma parte de agrupacións musicais galegas das sociedades de Bos Aires. “Fago música galega en xeral, toco en grupos das asociacións e participo noutros eventos culturais”, explica. A súa vida está fortemente vencellada á comunidade galega da cidade, onde existen múltiples espazos de encontro, desde centros culturais e coros ata escolas de danza e literatura.

Mosquera lembra con nitidez a súa infancia na casa dos avós maternos, con quen viviu ata os once anos. Aquel fogar, di, era “moi galego”: falábase galego, cociñábase comida galega e reuníanse amigos e veciños galegos para xogar ás cartas. “A lingua era algo natural, non era algo forzado. Entre meus avós, miña nai e os familiares, falábase galego sen máis”, conta. Esa naturalidade foi, para el, a chave que fixo posible conservar o idioma malia a distancia.

Co paso dos anos, xa de mozo, comezou a participar activamente nas asociacións galegas e a interesarse por manter, falar e practicar a lingua. “Cando tiven algo de uso de razón, puxen interese en practicalo, falando con outros galegofalantes, con curmáns ou familiares”, recorda.

A realidade que describe non é, porén, a máis habitual. Fernando admite que “en moitas casas de emigrantes o galego desapareceu”, sobre todo por vergoña ou pola crenza de que “non valía”. Na súa, pola contra, “conservouse de maneira natural”, algo que hoxe o converte nun caso pouco común. “Da miña xeración, os que continuamos falando e practicando a lingua non somos moitos, e por iso ás veces a xente sorpréndese de escoitarme falar galego”, comenta.

Esa sorpresa é máis evidente cando o escoitan galegos chegados de visita a Arxentina. “Sorpréndense de que fale bastante ben”, di con humildade. “Non somos a única familia, pero si poucas as que o conservaron así.”

A súa vida en Bos Aires está atravesada pola cultura galega: participa en concertos, encontros literarios, conferencias e mesmo actos políticos relacionados con Galicia. “Vivo moito vinculado a Galicia aquí. A veces sinto que, vivindo en Bos Aires, tamén vivo en Galicia”, afirma. Viaxou varias veces á terra dos seus pais, pero recoñece que “a intensidade do ambiente galego” que experimenta na diáspora é difícil de atopar alí: “Aquí estou moi involucrado nas asociacións, teño amigos, participo… ás veces sinto que vivo máis Galicia aquí que se estivese alá.”

Tamén observa con interese como se percibe o galego fóra do seu contexto. “Moita xente en Arxentina, que non ten relación con Galicia, descoñece a existencia da lingua. Algúns saben que en España se fala catalán, vasco ou galego, pero o galego é o máis descoñecido. O primeiro que din moitos é que parece portugués”, comenta, lembrando que a proximidade de Brasil inflúe nesas confusións.

Na súa vida laboral tamén atopou paralelismos entre o galego e outras linguas minorizadas, como o guaraní, falado por moitos traballadores paraguaios en Arxentina. “Cando traballaba co meu pai nunha cafetería, tiñamos empregados que falaban guaraní. Ás veces pasas por unha obra e escoitas falar guaraní pechado, sen entender nada”, explica. Percibe nesa lingua o mesmo prexuízo que afectou ao galego durante décadas: “Sempre houbo un certo menosprezo, unha desvalorización, e hai quen deixa de falalo para integrarse.”

Mosquera lembra un diálogo cun traballador paraguayo que lle confesou que non quería falar guaraní en público porque quería integrarse e pensaba que falar castelán lle ía axudar. “Iso pasou tamén cos galegos, que moitas veces deixaban o galego por pensar que así lles iría mellor, por traballo ou por integrarse”, reflexiona.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.