Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

“Pringadas”, a nova webserie galega para a Xeración Z

A Belén Puime faltáballe “petardeo en galego”. Isto é o que explica a directora coruñesa cando fala da súa webserie Pringadas, que vén de estrearse no Carballo Interplay. Pero “Pringadas” non é so “petardeo”, como ela o define, se non que detrás de capítulos de 10 minutos se esconde moito máis.

Xoana, Antía e Catu son as protagonistas desta ficción en galego. Son tres universitarias, amigas e compañeiras de piso, que a partir de compartir os segredos dos seus diarios, explorarán temas como o amor, a rotura coas amizades ou as enfermidades de transmisión sexual.

Dende o segundo ano de Comunicación Audiovisual, Belén Puime xa pensaba na idea desta webserie, polo que tras rematar a carreira viu que era o momento. Rodeouse de amigas para levala a cabo e presentar o proxecto ao Carballo Interplay, onde recibiu en setembro o premio a mellor proxecto de webserie en galego. A dotación económica do premio, 3000 euros, foi o impulso para facer realidade os tres primeiros capítulos da serie. “Tiña unha necesidade de contar unha historia, e a min gústanme moito os contidos dixitais. Tamén se mesturou isto con intentar atoparme a min mesma, crear un produto e ter unha carta de presentación”, explica Belén Puime.

“Faltan referentes en galego, como vai falar a xente nova en galego se non se ve reflectida na ficción”

Detrás desta webserie para adolescentes tamén está a importancia de ter contidos para a Xeración Z en galego. A trama xira arredor da aceptación e da cultura pop, diríxese especialmente á xente nova, e amosa unha realidade coa que moitas se poderán sentir identificadas, e en galego.

“Faltan referentes en galego, como vai falar a xente nova en galego se non se ve reflectida na ficción”, reclama a directora. Belén Puime compara o panorama audiovisual galego con otros, como pode ser o catalán. Nesta lingua créanse contidos para xente nova, como poden ser os fenómenos Merlí ou Pulseras Rojas. A pesar da lingua, as series triunfaron a nivel nacional, tamén entre o público galego.

“FALTA UNHA PLATAFORMA QUE REÚNA OS COTIDOS FEITOS AQUÍ”

O problema non é o idioma. Hai a idea de que o galego non funciona para a xente nova, e acabámolo crendo todos”, denuncia a directora coruñesa. Con respecto a isto, destaca o panorama cultural en galego que se está creando en Galicia. “Existe  un público que vai a concertos de artistas galegos, que ve creadores de contido en Tiktok e Youtube. É un momento moi potente para o galego porque o resto de creadores tamén está aí”, destaca Puime, quen defende a colaboración entre os diferentes eidos de creación. Un exemplo é a participación da creadora de contidos Malva (@todomal.va) na súa webserie, ou a presencia da música de Grande Amore como banda sonora da webserie.

O galego está cada vez máis presente nas redes sociais, o que demostra que a xente nova si está disposta a consumir contido en galego. Da mesma maneira, Belén Puime tamén recorda a importancia de facerlle chegar a este público produtos destinado a eles: “Se non hai contidos en ficción na súa lingua, eles van asumir que o galego non serve, que non é para a xente nova e que só se fala nas aldeas”, recalca.

A directora comenta que o feito de que non existan plataformas para isto, como é o caso de Playz en RTVE ou RTP Lab da Rádio e Televisão de Portugal, dificulta tanto a produción como o acceso aos produtos. Destaca a existencia de axudas destinadas a creadores novos, mais lamenta a falta dun espazo que reúna os contidos feitos en Galicia, o que dificulta a profesionalización e a difusión do traballo.

Presentación de Pringadas no Carballo Interplay. Leo López Foto

“AS RAPAZAS SOMOS EDUCADAS EN NON SER XEFAS”

“Ser directora a min chegoume sen esperalo”, comenta Belén Puime, quen aínda non asocia o seu nome ao de “directora”. Puime cursa o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual, polo que o seu futuro o asocia máis ao ámbito da produción que a dirección. Porén, quedou satisfeita poñéndose ao mando dun proxecto propio, aínda que admite “que a palabra directora me deu moito medo”.

A directora coruñesa relata que cando explica que se dedica ao audiovisual a asocian coa actuación e con ser actriz. Lamenta que os altos cargos estean masculinizados, a pesar de que cada vez hai máis mulleres ao fronte nos diferentes cargos directivos dentro dunha produción.

O feito de que os contidos feitos por mulleres sexan menores tamén inflúe nas temáticas e construcións de personaxes que vemos na ficción. Belén Puime ve necesario que o mundo audiovisual reflicta a realidade das mulleres, o que tamén servirá para normalizar diferentes temáticas, como pode ser o virus do papiloma humano, enfermidade que ela retrata en Pringadas. “É básico crear diálogo entre nós para abrir camiño. Son temas que levan presentes anos e anos, mais que non se tratan con normalidade”.

Polo de agora, Belén Puime abre camiño na produción en galego para adolescente e no tratamento de temáticas que comparten moitas adolescentes, mentres que o público recibe con entusiasmo este novo proxecto.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.