Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Quen di que o galego non ten vida a nivel editorial?

Rodolfo e Priscila. Así se chama o novo selo editorial independente que bota a andar en Galicia. Un xeito de emprender no mundo editorial galego en tempos de crise que chega da man dos escritores Berta Dávila e Carlos Meixide. Trátase dunha “editora indecisa” e que tira o seu nome de senllos xoguetes da infancia dos seus promotores.  Os impulsores destacan que lanzan este proxecto “sen compartimentos que determinen de maneira exacta o que cabe nela e o que non, aínda que nos interesa en especial a brevidade e o contemporáneo“, e asegura procurar “o particular e a lentitude, que cada libro chegue cando teña que chegar, como un achado diamantino”.

Como carta de presentación do proxecto, a editora lanza Pequeno álbum de Nova York en inverno, un volume de ilustración de Dávila e textos de Meixide que conta “a viaxe que serviu de sementeira” para editorial, a visita e a historia de amor dunha parella de turistas á Grande Mazá e as súas conversas e experiencias.

O outro volume co que sae a firma é A poesía como arte insurxente, unha tradución realizada por Daniel Salgado do orixinal de Lawrence Ferlinghetti no que o autor, mediante aforismos, “intenta comprender a poesía e, por extensión, a vida. É o manual de instrucións, a caixa de ferramentas, dun poeta moderno”. Está previsto que as dúas obras estean nas librerías o 23 de novembro. O proxecto conta do traballo de Roi Fernández ao deseño.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.