Ana é de Zumaia, unha vila costeira de Euskadi próxima a Donostia, pero leva anos asentada en Santiago de Compostela, onde chegou para cursar Filoloxía Hispánica. Filla dun galego de Cangas, a súa relación co país comezou nos veráns, mais foi ao instalarse en Galicia cando decidiu facer do galego a súa lingua de uso cotián: “Os primeiros anos xa dixen que tiña que estar falando galego. Paréceme moi importante que a xente fale o idioma”.
A súa inmersión foi voluntaria e persoal, sustentada no interese previo pola cultura galega: “Antes de vir a vivir aquí xa escoitaba música en galego e lía libros. Estando en Euskadi xa comezaban a quedarme cousas”, lembra. Esta bagaxe cultural e o feito de rodearse de galegofalantes facilitáronlle a aprendizaxe: “Aprendín moito pola música, lendo, e sobre todo falándoo coa xente. Así foi todo moito máis doado”.
A acollida, en xeral, foi boa, aínda que con matices. “Xa levo tanto tempo aquí que moita xente non cre que sexa de fóra. Cheguei ao punto de ter que ensinar o DNI”, comenta entre risas. Porén, tamén viviu comentarios reticentes: “Hai quen me dixo que se nota que son neofalante e que non debería falar galego, por exemplo por non pronunciar o “n” velar ou cousas así. Non sempre cae ben”.
No ámbito laboral, sinala que o galego non estivo moi presente nos postos que ocupou ata agora: “Fun dependenta, traballei nun almacén… en xeral non era habitual, agás cando trataba con persoas galegofalantes”. Con todo, a súa escolla lingüística mantense firme: “Para min o galego é unha lingua moi bonita e que deberiamos falar máis xente. Animo a calquera que teña interese a que a fale sen medo”.
Desde a súa perspectiva como vasca, Ana observa diferencias importantes entre o status do galego e do éuscaro: “Cando cheguei aquí pensaba que todo o ensino era en galego, pero logo vin que moitos nenos entran na escola falando galego e saen falando castelán. En Euskadi iso non pasa tanto, aínda que tamén depende se estás nunha vila ou nunha cidade”. No seu caso, fixo todo o ensino obrigatorio en éuscaro, agás as materias de castelán, inglés e similares.
Para Ana, a clave está no contacto coa lingua e na súa presenza real nos espazos sociais e mediáticos: “As redes, a música, os medios… son fundamentais. Se escoitas e les en galego, a lingua vai entrando sen decatarte”. O seu proceso demostra como a motivación persoal, o acceso aos contidos culturais e a socialización activa poden facer do galego unha lingua de uso para quen non a tiña de partida.