Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Sabes que é iso do “eo-naviego”?… A RAG pide que se chame polo seu nome

A Real Academia Galega fíxolle chegar ao presidente da Xunta Xeral do Principado de Asturias, aos grupos parlamentarios e ao Goberno de Asturias o informe aprobado no seu último pleno ordinario a propósito da reforma do Estatuto de Autonomía do Principado. O texto analiza a consideración da lingua galega en Asturias ao longo das últimas décadas e detense na proposta de novo marco estatutario —coñecida a través dos medios de comunicación—, que contempla a declaración de oficialidade do asturiano en todo a comunidade autónoma pero limita esta consideración para o galego exclusivamente no seu ámbito territorial.

Diante desta consideración, a RAG reclama o mesmo trato para as dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano, e critica ademais a escolla do glotónimo “eo-naviego”, que parece ter como finalidade “facer invisible a existencia do galego” nas comarcas asturianas estremeiras con Galicia.

“A Real Academia Galega arela que o Parlamento do Principado aprobe na reforma do seu Estatuto de Autonomía a declaración de oficialidade das dúas linguas propias de Galicia, o galego e o asturiano. E que na posterior lei de uso que se prevé, o galego, na variante eonaviega, sexa oficial en todo o territorio do Principado de Asturias, para que os seus falantes teñan os mesmos dereitos ca os de asturiano, como en Cataluña os teñen os falantes da lingua occitana, denominada aranés en Arán”, expresa a institución.

“Eo-naviego”???

Sobre a substitución do glotónimo “galego” por “eo-naviego” na proposta de reforma estatutaria, a RAG lembra que as fronteiras políticas adoitan non coincidir coas fronteiras lingüísticas e que a continuidade da lingua falada nunha comunidade veciña é algo coñecido que se repite en Europa. “E nestes casos, que a variedade lingüística en cuestión teña un glotónimo que corresponde á lingua doutra comunidade, neste caso o galego, non é motivo de ningún conflito nin rexeitamento. (….) Entre dúas comunidades e entre dúas linguas que comparten intereses e que deberían procurar a colaboración para buscar estratexias de futuro conxuntas, con máis razón deberían evitarse confrontacións que só conducen a desunir e a separar, e que só poden ter consecuencias negativas para os falantes destas variedades e para que os seus dereitos como falantes e como persoas sexan recoñecidos e protexidos”, advirte a RAG.

“Non é función da Real Academia Galega intervir en cuestións de tipo político, que son da competencia dos gobernos das respectivas comunidades autónomas; pero si é función dela lembrarlles que unha lingua é un patrimonio cultural merecente de ser salvagardado e que sería máis positivo para esa salvagarda unha política de cooperación e non unha política de confrontación”, conclúe o informe.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.