A tiktoker portuguesa Leona Fonseca (@leona.fonseca) respondeu nas súas redes sociais á pregunta dunha seguidora que se mostraba interesada no significado de “galega”, segundo é usada pola cultura xitana en Portugal.
Ante dita cuestión, que considerou “muito engraçada”, a tiktoker portuguesa explicou o funcionamento por grupos familiares do pobo xitano. Como explica, a división familiar ou por clans resulta moi importante na súa cultura, e a xente é recoñecida polo nome familiar.
“Existen varias familias, varios grupos. Temos os Gonsalves, os Maia… e tamén os galegos”. Así, como comenta, para eles os galegos é un gran grupo familiar: “Que son os galegos? É tamén un grupo, por dicilo así. Non vou dicir que son unha familia porque son moitos, e no Norte é a familia predominante”.
Ademais, tamén exemplifica como estes diferentes grupos teñen características que os diferencia do resto, como é o casa da súa familia, os Fonseca, coñecidos pola súa maneira de cantar e bailar. “Nós somos todos ciganos, e todos temos as nosas leis e costumes, é todo igual: Mais hai cousas que nos caracterizan”.
Nas súas redes, a creadora de contido acumula máis de 25.000 seguidores, onde triunfa con vídeos moi diversos, dende bailes ata receitas de cociña, ou tendencias da redes. Porén, destaca a súa labor para achegar ao público a tradición e cultura xitana en Portugal, aportando unha visión dende a súa perspectiva persoal e responden as cuestións que lle fai a súa audiencia. “Costume ver muito os teus vídeos, e és um espetáculo a explicar certos assuntos da nossa etnia ,parabéns por isso continua” agradécenlle os seus seguidores nas súas redes.