Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Orgullos@s do galego: O catedrático Ángel Carracedo e a psiquiatra Iria Veiga pechan ‘Conseguiremos’ da RAG

O xenetista Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) e a psiquiatra Iria Veiga (Ferrol, 1981) protagonizan o último capítulo da serie ‘Conseguiremos’, a produción audiovisual que abre o proxecto da USC e da Real Academia Galega (RAG) ‘Novas voces para a lingua’, concibido para darlle voz á mocidade con talento que vive e crea en galego. Na peza, gravada no campus histórico da USC, os dous médicos conversan sobre a importancia de comunicar a ciencia á sociedade e sobre a riqueza que supón facelo en galego. “Está vindo xente nova que vai levar isto adiante. Eu espero que comuniquen ciencia en galego. Axudemos as novas xeracións porque temos que medrar na alegría de descubrir”, conclúe Iria Veiga.

“A alegría de descubrir”

O capítulo titúlase precisamente ‘A alegría de descubrir’, unha mensaxe moi presente no día a día de ambos os protagonistas, dispostos sempre a compartir o entusiasmo da descuberta e a facelo na lingua propia de Galicia. A psiquiatra divulga ciencia nas redes sociais baixo o nome da Raíña Vermella, é a metade do proxecto Balea Vermella, escribe o blog espello.gal e é ademais colaboradora de diversos medios de comunicación. Iria Veiga reencóntrase no quinto e último episodio de ‘Conseguiremos’ con quen fora o seu profesor de Medicina Legal na USC, Ángel Carracedo, científico de prestixio internacional e divulgador incansable.

O diálogo entre Iria Veiga e Ángel Carracedo ponlle o ramo a unha serie que arrincou coa colaboración da futbolista Verónica Boquete, protagonista de ‘Conseguiremos un camiño por correr’; e continuou cos episodios dos músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, ‘Conseguiremos saber ollar un novo mundo’; as actrices da Panadaría Teatro, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, e o actor Daniel Celester, ‘Conseguiremos reivindicar o desexo’; e o director de cine Andrés Goteira acompañado da estudante de cine Sara Hermo, Conseguiremos querer querernos moito máis.

A serie é a resposta á proposta da RAG que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora). Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC fixeron realidade a primeira edición de Novas voces para a lingua co apoio de tres profesores do mesmo centro, Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, e da propia Academia.

“Cada xeración é un pulo de esperanza”

Co título xenérico ‘Conseguiremos’, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, ou o cinema, entre outros”, salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. “Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa, facémola entre todos. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo”, engade.

Ana Isabel Rodríguez destaca a “motivación que constitúe para o alumnado construír un proxecto en colaboración coa Real Academia Galega e que ten unha difusión real”. “O compromiso da Facultade de Ciencias da Comunicación para proxectar esas novas voces creativas arredor da lingua permanece vixente na Facultade de Ciencias da Comunicación”, afirma.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.