O Festival Converxencias Portugal-Galicia celebrará a súa 11ª edición cunha programación diversa que terá lugar entre o 3 de febreiro e o 15 de marzo en distintas localidades de Galicia e do norte de Portugal. A iniciativa, segundo explicou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, busca “reforzar os lazos entre o galego e o mundo lusófono” a través da música, o teatro, a danza, o cinema e a literatura.
As actividades desenvolveranse en Braga, Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela, localidades que acollerán eventos protagonizados por artistas galegos e portugueses. Unha das citas máis destacadas será a do 23 de febreiro en Braga, cunha homenaxe conxunta a José Afonso e Rosalía de Castro, na que actuarán Amancio Prada, Uxía e o grupo Canto D’Aquí.
O festival tamén contará coa participación de Ricardo Ribeiro, Artur Caldeira, Isabel Rei Sanmartín, Ana Sofía Carvalheada, José Moças, Daniel Pereira Cristo, Óscar Ibáñez e a Banda Municipal da Estrada, entre outros artistas.
A cita anual ten como eixo central a data do 23 de febreiro, coincidindo co nacemento de Rosalía de Castro e o pasamento do cantautor portugués José Afonso, dous referentes culturais que simbolizan os vínculos entre Galicia e Portugal.
O festival inaugurouse hoxe cun concerto de Artur Caldeira no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. A programación estenderase durante máis dun mes e pecharase o 15 de marzo en Ponteareas co evento musical Concerto fusão tradicional, a cargo dos grupos Canto D’Aquí e Rusga de San Vicente, que terá lugar no auditorio Reveriano Soutullo.
O calendario completo de actividades pode consultarse no Portal da Lingua Galega.
O Festival Converxencias está promovido polo grupo Canto D’Aquí e polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia. Conta co apoio doutras entidades, como a Fundación Rosalía de Castro, e responde ao obxectivo da Lei Valentín Paz-Andrade, que promove o aproveitamento da lingua portuguesa e o fortalecemento dos vínculos con países de fala galego-portuguesa.
Desde a súa creación, esta iniciativa consolidouse como un espazo de intercambio cultural e de promoción da intercomprensión lingüística entre galego e portugués, fomentando o coñecemento e a difusión da cultura de ambas beiras do Miño.