Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O impacto directo da lingua galega no conxunto da economía supón 1.440 millóns de euros e 27.700 postos de traballo

O informe ‘O valor económico do galego’, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), recolleu que o impacto do galego no conxunto da economía de Galicia supón 1.440 millóns de euros de valor agregado bruto (VAB) e 27.702 postos de traballo.

Así, o documento foi presentado, na mañá deste venres, pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, profesores da USC e investigadores do Idega. García sinalou que este é un “informe complexo” e que ter unha lingua propia “é unha riqueza”. “O informe deixa claro a sorte de poder contar cunha lingua como o galego que non só é unha riqueza cultural, senón tamén que xera riqueza activa na nosa economía e identifícaa“, remarcou.

Desta forma, o informe, que xa está dispoñible en liña, concluíu que, con respecto ao total da economía galega, as actividades vinculadas de forma directa ao galego xeran un 2,5 % do VAB, un 2,7 % dos postos de traballo equivalentes á xornada completa en 2019 en Galicia creáronse en actividades vinculadas á lingua galega.

En canto aos termos comparativos, o impacto directo do galego sobre a economía de Galicia foi case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana (1,3 % do VAB) e inferior ao vasco no País Vasco (3,1 % do VAB). Para estimar o valor económico da lingua delimitaron os bens e servizos directamente relacionados coa lingua como elemento diferencial no seu proceso produtivo e, con posterioridade, as actividades que o producen.

DIVISIÓN POR SECTORES

O informe estimou o valor da lingua en catro grandes subsectores ou grupos de actividades. O de maior impacto é o de educación e representa un 72,3 % do VAB e un 68,2 % do emprego xerado polo galego, o que significou máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos. O segundo sector é o das industrias culturais e medios de comunicación que achegou directamente un 20,5 % do VAB (295 millóns de euros) e un 26,4 % do emprego, equivalente a tempo completo, en actividades vinculadas ao galego, uns 7.300 postos de traballo.

Practicamente, a metade da actividade deste subsector é atribuíble ao galego, un 54,3 % do total do VAB e un 47,9 % do total de emprego de toda a industria da cultura e dos medios de comunicación de Galicia, independentemente da lingua. O terceiro grupo en importancia relativa é o da promoción da lingua e da cultura das administracións públicas, que xera un 6,7 % do VAB e un 4,9 % do emprego directo atribuíble ao galego. Así, en concreto, 95,7 millóns de euros e 1.382 empregos.

Así mesmo, recolleu que a achega de actividades de promoción da lingua da Administración autonómica e local (concellos e deputacións) calculouse en 7,1 millóns de euros de VAB e case 103 empregos a tempo completo. As actividades de promoción da cultura supuxeron 88,5 millóns de euros de VAB e 1.278 empregos a tempo completo. En canto ao sector das industrias da lingua supuxo unha contribución dun 0,5 % ao VAB e ao emprego atribuíble ao galego, o que significa 7,5 millóns de euros e 137 empregos.

IMPACTO INDIRECTO, INDUCIDO E TOTAL

Ademais, o informe contabilizou o impacto derivado do idioma. O indirecto ascendeu a case 210 millóns de VAB e 4.242 empregos equivalentes a xornada completa. En cando ao impacto inducido é de 1.045 millóns de euros de VAB e 17.949 empregos equivalentes a tempo completo. Con todo, o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega representou, segundo o informe, o 4,7 % do VAB e o 4,8 % do emprego equivalente a tempo completo.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.