Vilalba será o escenario do I Campus de Regueifa RegueiNov+s – Regueifesta, un evento que se celebrará os días 17, 18 e 19 de xaneiro e que reunirá a mozos e mozas de entre 12 e 16 anos de toda Galicia. Organizado polo IES Basanta Silva e o Proxecto Regueifesta, o Campus busca consolidar a regueifa como ferramenta cultural e lingüística, promovendo a súa práctica entre a mocidade.
A regueifa, que estivo en perigo de extinción, experimentou unha revitalización grazas ao traballo de centros educativos e colectivos culturais. Hoxe, o movemento da chamada “Nova Regueifa” está liderado principalmente por adolescentes e considérase unha peza clave no proceso de normalización do galego. Desde o Equipo de Dinamización Lingüística e o Club de Regueifa do IES Basanta Silva pretenden fortalecer esta rede de centros educativos a través dun encontro que combina formación, convivencia e dinamización cultural.

Actividades e obxectivos do Campus
Durante tres días, os participantes tomarán parte en actividades de formación, entre as que se inclúen palestras, obradoiros e grupos de traballo, incluíndo un seminario con SÉS e un obradoiro impartido por Laura Lamontagne; así como de lecer e cultura, cunha visita á Casa Museo de Manuel María, ou audiovisuais, coa gravación de imaxes para proxectos documentais, como Regueifando con pracer, que tratará sobre a regueifa e a muller, e outro dirixido por Manolo Maseda sobre a expansión deste xénero nos últimos anos.
O Campus arrancará o 17 de xaneiro cun espectáculo aberto ao público, o “Regueifa Tour”, que terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba. Este evento contará coa participación dos repentistas Lupe Blanco e Josiño da Teixeira, ademais dos mozos regueifeiros asistentes ao Campus.
O impacto da Regueifesta
A Regueifesta, proxecto dedicado á dinamización da improvisación oral no ensino, cumpre dez anos en 2025. Ao longo deste tempo, deu lugar a iniciativas como o Regueibertso, o Enreguéifate ou os Encontros de Regueifa Feminista, ademais de proxectos europeos como o Erasmus Plus Europa de Repente. O proxecto tamén promove formación para docentes e a aula virtual PLATEGA Regueifa 2.0, consolidándose como un motor fundamental no impulso desta tradición oral galega.