O portavoz de Compromís no Senado, Carles Mulet, criticou que o Goberno non incluíu no proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 a partida de 1,6 millóns de euros para a promoción e difusión das linguas protexidas pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e reclama ao ministro de Cultura, Miquel Iceta, que inste o Executivo a recuperala ou, mesmo, aumentala.
Segundo recolle Galicia Confidencial, desde a coalición valenciana lembran que esta partida se destina á promoción das linguas nai de Galicia, Asturias, Euskadi, Navarra, Aragón, Catalunya, Comunitat Valenciana e lles Balears e “foi a única, entre 4.000, aprobada durante a tramitación no Senado das contas en decembro de 2021 e que obrigou a que regresasen ao Congreso para a súa aprobación definitiva”.
“No Senado, PP e PSOE mostráronse moi a favor de apoiar as linguas minoritarias e non oficiais“, dixo Mulet, quen lamentou que, “a pesar da gran acollida que tiveron polos órganos xestores responsables da política lingüística das distintas autonomías, que fixeron unha proposta de consenso ao ministro Miquel Iceta para destinar estes fondos, optasen por facela desaparecer das contas”.