O nome dun negocio pode parecer unha decisión comercial máis, pero detrás dunha cafetería, unha inmobiliaria ou un despacho profesional poden esconderse pistas sobre a identidade dunha cidade, a súa economía, os usos lingüísticos ou mesmo as diferenzas sociais entre barrios. Esa é unha das conclusións dunha investigación desenvolvida pola viguesa Elisa Suárez Caramés na Universidade de Salamanca, centrada na análise dos chamados crematónimos, os nomes propios empregados por empresas e establecementos comerciais.
O estudo analiza un total de 1.470 crematónimos nas cidades de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense, comparando zonas de nivel socioeconómico alto e baixo para comprender como inflúe o contexto social e urbano na configuración da paisaxe lingüística.
Segundo explica Suárez Caramés, os nomes comerciais ocupan unha posición relevante dentro do chamado paisaxe lingüístico, entendido como o conxunto de textos e linguas visibles nun espazo urbano. Máis alá da súa función publicitaria, estes elementos participan tamén na construción simbólica do espazo público.
“Quen crea estas mensaxes non só proxecta unha imaxe do seu negocio, senón tamén da zona ou cidade na que se integra”, sinala a investigadora.
A análise revela que os nomes monolingües son os máis frecuentes, con predominio claro do español, que representa unha media do 35% dos casos analizados. A continuación sitúanse os nomes que poden interpretarse tanto desde o galego como desde o castelán, mentres que o galego ocupa a terceira posición cun 12,8%.
Máis información en Faro de Vigo