Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

“O galego fixo que caese da bici”: Bernardo, o portugués que se namorou da lingua galega

Bernardo é un estudante portugués que leva xa algún tempo vivindo en Galicia e que xa fixo do galego a súa lingua habitual. Natural do norte de Portugal, a súa traxectoria é un exemplo de aprendizaxe motivada e afectiva, na que conflúen a semellanza lingüística, a afinidade cultural e o desexo persoal de integrarse no territorio.

Son do norte de Portugal, onde o portugués é bastante parecido ao galego. Hai palabras que eu uso en portugués que mesmo resultan estrañas para quen é de Lisboa, pero que para min soan naturais porque as usamos alí”, explica Bernardo. A palabra ‘tamén’ (que en portugués estándar é ‘também’), por exemplo, é unha desas formas coincidentes co galego que el xa usaba antes de saber que en Galicia existía unha lingua propia.

A primeira vez que viu escrito o galego, con trece ou catorce anos, foi nunha saída en bicicleta co seu pai desde o Xurés portugués ata Galicia. “Mirei unha placa que poñía ‘Rúa’ e pensei: como vai ser ‘Rúa’, se xa estamos en España? E caín da bici por unha curva. Foi o meu primeiro contacto co galego”, lembra con humor. Aquela caída converteuse nun símbolo: “O galego fixo que caese da bici”, di entre risas.

Anos despois, ao saber que ía vir estudar a Galicia, comezou a aprender galego de xeito autodidacta, e ao chegar, matriculouse nun curso da Universidade. “En tres meses xa acadara un nivel suficiente para manexarme ben”, afirma. Co tempo, o seu dominio da lingua medrou ata o punto de dicir: “Creo que o meu nivel de galego xa superou o de castelán“. E matiza: “Gústame máis o galego. Non teño nada contra o castelán, pero prefiro esta lingua”.

Bernardo reside actualmente en Teo, onde asegura que o galego está moi presente: “Na miña comunidade de veciños, case todas as familias falan galego habitualmente. Mesmo en Santiago, escoito a lingua con frecuencia na rúa”.Na súa contorna profesional —investiga no ámbito das matemáticas— a presenza do galego é máis reducida, pero segue presente: “Hai docentes que imparten as clases en galego, especialmente os máis novos”, sinala.

Un dos aspectos que máis destaca é a reacción da xente cando o escoitan falar galego: “Hai quen lle igual, pero moita xente queda abraiada. Un día entrei nun bar da facultade, pedín un pincho en galego, e o camareiro chamou aos colegas: ‘mira, mira, o portugués falando galego!'”. Ese tipo de interaccións, di, reforzaron a súa motivación para seguir aprendendo.

A miña moza tamén aprendeu castelán e agora está aprendendo galego, porque viu que a xente me trata mellor por falar galego. Eu non creo que sexa por iso, penso que é pola miña personalidade, pero ela está convencida”, comenta cun sorriso.

Sobre posibles reaccións negativas, asegura que nunca recibiu unha crítica directa por usar o galego. “unha persoa, de Cataluña, me preguntou por que aprendía galego en vez de castelán. Pero aquí en Galicia nunca ninguén cuestionou esa decisión”, explica. “Mesmo persoas que nunca falan galego me responden con naturalidade. Ninguén me fixo sentir raro”.

Na súa aprendizaxe, Bernardo atribúe un papel importante aos medios de comunicación e á cultura. A radio pública galega, a música e os contidos audiovisuais foron recursos clave. “Metade da música que escoito en Spotify está en galego. A radio tamén me axudou a escoitar diferentes variantes da lingua”, conta.

Para quen queira aprender galego, ofrece un consello claro: “Non ter medo de falar. se aprende falando. E máis no caso das persoas castelanfalantes, que deben facer un esforzo maior, porque a súa lingua xa é dominante aquí”. Considera que en cidades como Santiago ou nas súas aforas é perfectamente posible escoller falar galego a diario se se ten vontade.

Finalmente, reflexiona sobre o que significa o galego para el: “Como son do norte de Portugal, sinto Galicia como unha irmá. Hai momentos en que me relaciono mellor coa xente de aquí que coa doutros lugares de Portugal. Se estou aquí e non falo galego, sinto que falta algo”, di. “Para min, aprender galego é unha das cousas máis importantes de estar en Galicia”.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.