Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Concello de Ames impulsa un novo curso para achegar o galego ás persoas migrantes e doutras comunidades lingüísticas

Dende hoxe permanece aberto o prazo de inscrición no Curso de introdución á lingua e literatura galegas que organiza o Concello de Ames en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. A iniciativa, gratuíta e cunha duración total de 20 horas presenciais, está dirixida a persoas migrantes e veciñanza procedente doutras comunidades lingüísticas, co obxectivo de impulsar o uso do galego, achegar a poboación ao noso idioma e á cultura galega e favorecer a cohesión e a integración social.

As sesións desenvolveranse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre o 15 e o 30 de outubro, de luns a xoves e en horario de tarde, de 16:00 a 18:00 horas. O curso busca ofrecer unha aproximación práctica e progresiva á lingua e á cultura galegas, consolidando a liña de traballo iniciada co Obradoiro de Acollemento Lingüístico ‘En galego co teu acento!’, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Benestar Social do Concello.

As inscricións, tamén de balde, poden realizarse presencialmente na oficina do Servizo de Normalización Lingüística, situada no propio Pazo da Peregrina, en horario de 9:00 a 14:00 horas; por teléfono, no número 662 377 215; ou por correo electrónico, a través do enderezo normalizacion@concellodeames.gal. O prazo permanecerá aberto ata o 15 de outubro ou ata completar as 20 prazas dispoñibles.

Ao finalizar a formación, o alumnado recibirá un diploma acreditativo de 20 horas, expedido pola Xunta de Galicia.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.