Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O alumnado de Ames participa na cuarta xornada do Club de Debate Alingua en Santa Comba

Arredor de 40 alumnos e alumnas e 4 docentes dos centros educativos de Ames participaron esta mañá na cuarta xornada de formación do Club de Debate Alingua, celebrada en Santa Comba. A representación amesá estivo integrada por tres equipos, un do IES do Milladoiro e dous do IES de Bertamiráns, no marco dun proxecto que reúne nesta edición 37 equipos procedentes de 13 concellos, cunha participación global próxima ás 400 persoas, entre alumnado e profesorado.

O programa está dirixido a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, así como a cursos equivalentes dos ciclos formativos, organizados en equipos de ata dez membros. Cada grupo conta cun docente responsable, encargado de adestrar, asesorar e representar o equipo ao longo do proceso. Tras a fase formativa, as fases clasificatorias da competición están previstas para o mes de marzo.

As sesións de formación, que funcionan como paso previo á competición, iniciáronse a pasada semana e teñen como finalidade familiarizar o alumnado co desenvolvemento dos debates, ademais de ofrecer asesoramento en técnicas de comunicación oral e argumentación. A xornada de hoxe en Santa Comba reuniu alumnado local xunto co procedente de Ames e Carballo, consolidando un espazo compartido de aprendizaxe e preparación.

O calendario formativo arrancou o mércores 14 de xaneiro en Betanzos, con participación de alumnado dos centros da propia localidade e doutros municipios como Ferrol, Narón e Pontedeume. A segunda xornada tivo lugar o xoves 15 en Vilagarcía de Arousa, coa asistencia de estudantes de Vilagarcía, Pontevedra e Rois. A terceira sesión desenvolveuse o mércores 21 en Arzúa, destinada aos centros de Arzúa, Santiago de Compostela e Teo.

Proxecto de dinamización lingüística

O Club de Debate Alingua é unha iniciativa de dinamización lingüística impulsada de maneira conxunta por varios concellos a través das súas áreas de normalización lingüística, co obxectivo de favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, con especial atención aos usos orais tanto en contextos formais como informais. Xunto a isto, o proxecto promove o pensamento crítico e analítico, a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.

Alén da propia competición, o programa aposta pola creación de espazos de socialización e convivencia que contribúan a activar o uso do galego. As xornadas de formación e os encontros de debate complétanse con actividades de lecer e convivencia, deseñadas para reforzar as relacións entre o alumnado participante e ampliar os ámbitos de uso da lingua.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.