Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Marcos, neofalante de Bos Aires: “Defendemos a nosa lingua porque é a historia da nosa familia”

Marcos Federico Fresl Martínez naceu en Bos Aires, medrou entre voces, músicas e lembranzas dunha Galicia que nunca vira, mais que formou dnsde sempre parte esencial da súa vida. Actualmente reside en Mar del Plata, onde traballa no sector da informática e o desenvolvemento, aínda que boa parte da súa identidade está ligada a outro universo: o da cultura galega.

Dende neno, explica, a presenza de Galicia na casa foi constante. A súa nai, falecida recentemente, foi quen lles transmitiu o idioma e a memoria familiar, sempre guiada polo recordo do avó, un home que falaba con entusiasmo da súa aldea e das súas historias. Marcos describe aquelas conversas como momentos “moi fermosos”, sementes dun vínculo que marcaría para sempre o seu camiño.

Estudou os primeiros anos no colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, epicentro da galeguidade na diáspora. Por razóns que define como “tristes”, tivo que separarse daquela contorna, mais a vida acabou por devolvelo á música e á lingua. O seu regreso produciuse xa de adulto, cando decidiu achegarse á gaita. Hoxe leva tres anos tocándoa e participa activamente no Centro Galego de Mar de Plata, onde asegura sentirse “moi feliz” entre unha comunidade “fermosa e moi agradable”.

A súa condición de neofalante chegou cedo, segundo el mesmo afirma. A nai faláballes galego aos tres irmáns, aínda que ela propia aprendera a ocultar o idioma por vergoña, algo habitual entre a emigración de mediados do século XX. Os fillos, di Marcos, sempre lle deron forza para mantelo vivo, como parte dunha historia que non querían perder. Dentro da familia, a música tamén calou fondo: un irmán é pandereteiro e gaiteiro, e outro chegou a vivir en Galicia durante dous anos antes de se trasladar a Dinamarca, dende onde segue sentindo morriña pola terra dos seus avós.

A nai, pola súa banda, nunca chegou a coñecer Galicia, un soño que quedou pendente. Marcos lembra con especial emoción un momento recente: o día que ela puido velo tocando a gaita diante do mar, o máis preto que estivo nunca da paisaxe soñada. A súa figura segue moi presente a través da cultura, o cinema e a literatura: era unha grande admiradora de A lingua das bolboretas, falaba con devoción de Rosalía e conservaba escritos propios en galego, que Marcos gardará para sempre.

A comunidade galega en Arxentina continúa a ser numerosa, mais non sempre proximamente conectada coa lingua. Marcos observa que hai quen descoñece a cultura por falta de transmisión familiar e quen, simplemente, non se sente cómodo falando galego, incluso mesturando idiomas ou recorrendo ao castrapo. El, pola súa parte, mantén un pequeno grupo de persoas coas que practica a lingua para evitar que desapareza da vida cotiá.

Tamén critica certa tendencia a ridiculizar Galiza ou a lingua. Fronte a iso, defende que é precisamente nese punto onde a comunidade debe dar exemplo, reforzando a súa presenza a través da música, das festas, da queimada, das tradicións e da palabra. Nas súas palabras, “é moi importante que non morra”.

Con todo, tamén ve unha forza especial na cultura galega en Arxentina: persoas sen ascendencia galega que se achegan por curiosidade e saen namoradas, integradas nos centros galegos e involucradas con entusiasmo. Para el, Galiza significa sobre todo unión, fortaleza e afecto, un espazo emocional que atravesa o océano.

Por iso anima a quen poida a achegarse: a coñecer a lingua, as festas, os sabores e os sons. A ese lugar que el chama, con humor e amor, “a miña Galicia de Bos Aires e Mar del Plata, a quinta provincia”. Porque, como afirma con convicción, o importante é que a historia continúe: defender a lingua, honrar ás familias e manter viva unha tradición que segue tocando —coma a súa gaita— á beira do mar.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.