O Consello da Xunta aprobou este luns a sinatura dun novo convenio de colaboración para ampliar os contidos e optimizar a tecnoloxía do portal xurídico Lex.gal, unha plataforma que recompila a lexislación da Comunidade Autónoma en lingua galega. O acordo dá continuidade ao subscrito en 2022 e estará vixente ata o ano 2029.
A iniciativa conta coa participación da Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, e supón un investimento total de 513.564 euros, dos cales o Goberno galego achegará máis de 105.000 euros.
Entre os obxectivos principais do novo convenio figura a incorporación de intelixencia artificial para mellorar o funcionamento da plataforma. Esta tecnoloxía permitirá ampliar as seccións actuais, crear novas epígrafes e optimizar a identificación e resolución de cuestións xurídicas clave, facilitando así o acceso e a consulta dos contidos.
Ademais, o proxecto inclúe o deseño dunha estratexia orientada a incrementar a visibilidade e o impacto social de Lex.gal, co propósito de que a cidadanía coñeza e empregue este recurso como ferramenta de referencia para acceder á normativa autonómica en galego.
Segundo as previsións, a plataforma incorporará cada ano, dependendo da produción normativa, entre 6 e 10 normas con rango de lei, entre 40 e 60 disposicións administrativas de carácter xeral e arredor de 15 sentenzas no ámbito da xurisprudencia.
Desde a súa posta en marcha no ano 2016, Lex.gal consolidouse como un repositorio relevante de lexislación en galego. Na actualidade, conta con 4.363 normas publicadas, entre as que se inclúen máis de 480 leis autonómicas e máis de 3.800 disposicións administrativas actualizadas.