O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presentaron no Pazo de San Roque o libro ‘7º Concurso TFG.eduso’, un traballo que recompila os textos gañadores do certame promovido polo Ceesg e que recoñece os mellores traballos de fin de grao arredor da Educación Social nas universidades galegas presentados en lingua galega nos cursos académicos 2018/2019 e 2019/2020.
O acto, celebrado na sede do organismo autonómico, contou coa participación do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e da vogal do Ceesg, Rocío Núñez Rúa. “Nun momento de grave crise sociosanitaria como o que estamos a vivir desde hai dous anos, a educación social situouse como clave en moitos ámbitos de actuación. A investigación e a análise do alumnado é alentador para manter viva e actualizada unha profesión imprescindible para favorecer a transformación social por e para a cidadanía”, engadiu a vogal do Ceesg.
Os seis traballos premiados nesta sétima edición co Concurso TFG.eduso, e que conforman o volume que edita o Ceesg coa colaboración da SXPL, destacan pola súa diversidade temática, xa que abordan, desde unha perspectiva socioeducativa, diversas cuestións vinculadas á renda básica, a prensa e o proxenetismo, a xestión cultural no eido local, a educación afectivo-sexual, a vellez alén da heteronorma ou o lecer adolescente en menores con medidas xudiciais en medio aberto.
Os traballos que aparecen recollidos no libro ‘7º Concurso TFG.eduso’ son:
* Adolescentes e ocio: análise cualitativa en medidas xudiciais en medio aberto nos CIEMA de Galicia. Xesús Martinez Fernández (Traballo gañador na categoría Educación Social Estendida 2018/2019). Aproximación á realidade do ocio das persoas adolescentes con medidas xudiciais en medio aberto en Galicia, así como ás accións socioeducativas que se desenvolven nos Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA) dende a educación en e para o tempo libre.
* Renda Básica e Educación Social: cara un novo paradigma nos servizos sociais. Rodrigo Gil Cedillo (Traballo gañador na categoría Educación Social Escondida 2018/2019). A posible implantación dunha Renda Básica modificaría numerosos aspectos relacionados coa pobreza e a exclusión social, así como tamén o funcionamento daqueles recursos do Estado do Benestar dispoñibles para loitar contra a desigualdade e o modelo de intervención social dos servizos sociais.
* A prensa proxeneta en Galicia. Unha análise dos anuncios de prostitución dende a Educación Social. Ana Pousada Gómez (Mención especial do xurado 2018/2019). A análise parte da idea de puteros e diarios galegos como axentes claves do sustento e promoción do negocio prostitucional, como cómplices necesarios dun entramado que segue a negar a liberdade á metade da raza humana. Todo isto examinado, en profundidade, dende a perspectiva da Educación Social.
* A xestión cultural no eido local galego: as funcións do educador/a social. Alejandro Ventura Amado (Traballo gañador na categoría Educación Social Estendida 2019/2020). O obxectivo é analizar e clarificar cales son as funcións que teñen os educadores e as educadoras sociais que traballan nos departamentos de Cultura dos concellos con menos de 15.000 habitantes da provincia da Coruña e investigar como as condicións do exercicio profesional inciden nelas.
* Porno e educación afectivo-sexual. Un quefacer actual do/a profesional da Educación Social. Noelia Moreau Castro (Traballo gañador na categoría Educación Social Escondida 2019/2020). Unha revisión bibliográfica sobre unha temática de actualidade que vincula a pornografía, a Educación Afectivo-Sexual (EAS), a adolescencia e a Educación Social co obxectivo de coñecer se a pornografía que consumen os/as adolescentes inflúe na súa EAS e nas súas relacións persoais.
* A vellez máis alá da heteronorma: Un estudo cualitativo sobre a formación, coñecementos, actitudes e percepcións dos/as profesionais de centros para maiores. Nazaret Blanco Pardo (Mención especial do xurado 2019/2020). O estudo identifica e profunda na formación, coñecementos e actitudes cara ás persoas maiores do colectivo de LGBTIQ das e dos diferentes profesionais que traballan en recursos destinados a persoas maiores, así como nas súas percepcións sobre a situación deste colectivo e nas súas competencias para dar resposta á mesma.