Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

“Gravo vídeos en galego camiño do colexio”: o éxito nas redes dun mestre de Infantil de Nova York

Andy Chichester é mestre de Infantil e vive en Potsdam, unha pequena localidade no estado de Nova York, nos Estados Unidos. Desde hai seis anos, dedica parte do seu tempo libre a aprender e practicar galego, unha lingua que lle chamou a atención tras unha viaxe á Coruña. Hoxe, converteuse nun creador de contido en redes como Instagram ou YouTube, onde publica vídeos en galego co obxectivo de practicar, visibilizar e compartir a súa paixón pola lingua.

A relación de Andy co galego comezou de xeito inesperado. O seu fillo viviu tres anos na Coruña traballando como auxiliar na Escola Oficial de Idiomas, e durante unha visita familiar á cidade galega, algo se activou: “Entráronme unhas ganas de aprender galego…”, lembra. Xa tiña formación en filoloxía hispánica e anos de experiencia como profesor de español, así que cando descubriu que podía entender a programación da TVG a través dunha app no móbil, decidiu tomalo en serio.

“Decateime de que o galego non era unha lingua tan exótica como pensaba antes, que é moi semellante ao castelán”, explica. A súa motivación inicial converteuse en entusiasmo constante, e comezou un proceso de autoaprendizaxe “con moito esforzo”, baseado en ler novelas, escoitar radio e consumir contido en galego. “Encántame a lingua galega, é fermosa e interesante. É gran parte da cultura galega, que tamén me interesa moito”, afirma.

Con todo, practicar unha lingua sen contorno lingüístico arredor non é doado. Andy admite que é “o único galegofalante en Potsdam”, aínda que pode conversar ocasionalmente co seu fillo, que tamén aprendeu galego durante a súa estancia en Galicia. Para manter o uso activo do idioma, recorre ás redes e á creatividade. Durante a pandemia, cando as interaccións sociais eran escasas, comezou a gravar pequenos vídeos en galego nos que falaba sobre o seu día a día, ideas ou reflexións, e enviábaos a amizades galegas coas que fixera intercambio lingüístico. “Todo comezou así, cos clips”, di.

A rutina continuou ata converterse nun hábito: “Adoito gravar clips rumbo ao choio, na bici, durante a viaxe ao cole que dura dez minutos. É un intre perfecto para falar galego”. A escena é curiosa: un mestre estadounidense, en bicicleta por Nova York, falando galego para o móbil, diante dunha sociedade que non sempre entende o que fai. “Para min é moi normal, pero para todo o mundo ao redor é algo raro”, admite entre risas.

Foi grazas ao consello dun amigo coñecido nas redes, Fran Bermúdez (coñecido como Fran da Lobeira), que Andy decidiu crear o seu propio canle de YouTube no outono de 2020, onde comezou a compartir os seus vídeos en aberto. “A idea era poder falar, colgar os clips e recibir preguntas ou suxestións para outros temas”, lembra. Desde entón, acumulou xa uns 250 vídeos e máis de mil seguidores, aos que se suman as persoas que o seguen en Instagram ou Galixé.

Malia as dificultades horarias —”estamos seis horas detrás de vós”—, Andy mantén contacto con amizades galegas feitas en intercambios lingüísticos e continúa a súa aprendizaxe diaria. As reaccións que recibe por parte da comunidade galega son, en xeral, moi positivas: “A xente está moi contenta e orgullosa da lingua. Recibir comentarios así de xente galega, que se emociona porque alguén aprendeu o seu idioma, é moi importante para min”.

Iso non evita que, ás veces, haxa quen cuestione a utilidade da lingua. “Alguén di: ‘E esta lingua, para que? Só vale en Galicia’. Pero deixádeme dicir que podo entender portugués, podo entender a xente de Brasil. O galego é unha lingua ponte que pode abrir o mundo”, reivindica.

Na súa contorna inmediata, nas súas clases cos nenos. “Cando falo en galego, castelán ou francés, é algo moi raro para eles. A miña intención é educar un pouco, abrir o mundo, porque moitas veces non saen da súa vila e non entenden outras realidades”.

Andy considera que existen recursos abondo para aprender galego desde fóra: desde os manuais de Celga, dispoñibles gratuitamente na web da Xunta, ata contidos audiovisuais accesibles en YouTube ou a CRTVG: “‘Padre Casares’, ‘Pratos combinados’… todos os clásicos da tele galega”. Tamén recomenda a lectura de autores como Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Manuel Esteban ou a novela O lapis do carpinteiro. “Hai novelas máis difíciles e outras máis accesibles para principiantes. Pero é moi importante ler e facer o esforzo”, resume.

Desde Nova York, Andy segue falando e gravando en galego. Non é por traballo, nin por obrigas académicas. É unha opción persoal, alimentada pola curiosidade e o amor por unha lingua. “Non pensaba chegar a este punto cando comecei, pero gústame moito. Gústame falar galego. Nótaseme, non?”, conclúe entre risas.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.