A entidade Amigos do Libro Galego/Artes e Letras, vén de publicar Fisterra, unha obra composta por 40 relatos curtos inéditos que percorre a tradición narrativa galega. Méndez Ferrín, Marina Mayoral, Darío Xohán Cabana ou Olga Novo son algúns dos autores que se atopan entre as máis de 450 páxinas que conforman a obra.
Un “encontro virtual de escritores tecido en tempos de pandemia, ao final do camiño e onde Galicia mira ao mundo” é como se describe Fisterra, que ve a luz da man da ourensá Ediciones Linteo. Fisterra conta cun prólogo da man de Manuel Forcadela, ademais de láminas de Acisclo Manzano, que acompañan os relatos.
Un total de 16 escritoras e 24 escritores compoñen a obra, e que reflicte “o resultado de botar as redes ao noso mar literario”, como explica o impulso do proxecto, Xosé Manuel del Caño. “Acariciaba a iniciativa hai dez anos, e por fin temos o anuario con relatos que non falan directamente de Fisterra pero si da maxia do fin do mundo: por diante América, detrás Europa e Asia, abaixo África”, comenta del Caño.
Títulos como O meu tío, as mulleres, os coches e máis eu, de Oga Novo, de Marina Mayoral, O universo é finito, pero non ten límites, de Olga Novo, ou Inverno, de Úrsula Heinze son algúns dos relatos que atopará o lector, e que chegan “despois do momento complicado de sufrimento e illamento, para aportar ensoñación”, como destaca a descrición de Fisterra.
Porén, non se trata da única iniciativa de Amigos do Libro Galego, entidade formada no 2020, pois xa está confirmada a publicación doutro recompilatorio no que estarán presentes autores como Manuel Rivas ou Domingo Villar, acompañados de ilustracións do pintor Manuel Buciños. Ademais, destacan que este segundo volume a presencia de mulleres será máis relevante, superando o número de homes.
“No futuro tamén queremos facer anuarios de poesía, ensaio e teatro; ademais de recuperar bibliotecas de importantes escritores para facer a transición a institucións públicas”, conclúe Xosé Manuel del Caño. Máis información en La Opinión A Coruña.