Máis dun cento de especialistas de todo o mundo reúnense esta semana no 6th Prescriptivism Conference, un simposio arredor dunha disciplina ou actitude lingüística mediante a cal se establecen normas sobre o uso ‘correcto’ ou ‘estándar’ da lingua, tanto da escrita como da oral. Constitúe, así mesmo, unha fase no proceso de estandarización dunha lingua, na que primeiro se codifican estas normas en gramáticas, dicionarios, manuais de uso, etc. e logo os falantes adoptan esas normas de uso.
O congreso está organizado por investigadoras do grupo Language Variation and Textual Categorisation e toma a remuda, como explica Nuria Yáñez, profesora titular do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, da edicións anteriores que tiveron lugar en de Sheffield en Reino Unido (2003), Catania-Ragusa en Italia (2006), Toronto en Canadá (2009), Leiden nos Países Baixos (2013) e Park City, Utah, EEUU (2017).
En total participan 115 investigadoras e investigadores sénior e júnior, principalmente de universidades nacionais e internacionais, así como investigadores independentes e persoal de centros de normalización lingüística. Proceden 22 países diferentes, dende España, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Italia, Grecia, Austria ou Dinamarca, en Europa, a Australia, Xapón, India, EEUU ou Canadá, etc. Dos máis dun cento de asistentes, 40 deles presentarán ao longo destes catro día as súas comunicacións.
Actitudes cara o uso da lingua
O obxectivo desta serie de congresos, explica Yáñez, é “proporcionar unha plataforma de traballo na que se pon en valor o estudo do prescriptivismo dende diversas perspectivas e tradicións de investigación, atendendo tanto a aspectos teóricos coma metodolóxicos e tanto en termos de sincronía como diacronía”. Tradicionalmente, engade, “os traballos neste contexto están intimamente relacionados co proceso de estandarización da lingua e cos efectos das actitudes sociais e culturais no uso lingüístico”. Esta 6ª Prescriptivism Conference pretende, precisamente, “impulsar a fertilización cruzada de ideas máis aló destes temas, ofrecendo un foro onde se combinan cuestións de lingüística e actitudes cara o uso da lingua (sintaxe, morfoloxía, ortografía, etc.), aproximacións sobre o prescriptivismo en obras literarias, e novas liñas de traballo arredor das comunidades lingüísticas minoritarias e/ou comunidades sociolingüísticas de fala”.
Esta sexta edición do simposio ten como título Modelling Prescriptivism: Language, Literature, and Speech Communities – Modelando o prescriptivismo: Lingua, literatura e comunidades lingüísticas e abordaranse temas como o prescriptivismo na literatura, o inglés moderno tardío, a escritura de cartas, as novas perspectivas, os medios dixitais, os profesionais do idioma, as variedades do inglés e a ortografía. O programa comprende 28 comunicacións individuais, unha mesa redonda e tres conferencias plenarias. Ademais, como engade Yáñez, a investigación sobre o prescriptivismo “céntrase maioritariamente no idioma inglés” e aínda que todos os relatorios serán nesta lingua, tamén se considerarán comunicacións sobre variedades do inglés, os denominados New Englishes ou World Englishes, así como outros idiomas oficiais e linguas minoritarias como o grego, o baixo alemán, o islandés ou o danés.
O congreso arrancou coa conferencia de Joan C. Beal, da Universidade de Sheffield. Beal é unha das académicas máis recoñecidas no campo do prescriptivismo sincrónico e diacrónico e actualmente está co-editando o Handbook of Prescriptivism. As outras dúas conferencias plenarias corren a cargo de Kate Burridge, investigadora da Monash University (Australia) e membro da Australian Academy of the Humanities and the Academy of Social Sciences of Australia e o sábado, como peche, de Don Chapman, da Brigham Young University, en Estados Unidos.
Sobre o resto de expertos e expertas que toman parte deste simposio internacional, as organizadoras destacan tamén a presenza dos organizadores das pasadas edicións, como Massimo Sturiale (Catania), Carol Percy (Toronto), Ingrid Tieken-van Boon Ostade (Leiden) e Don Chapman (Utah), así como destacados expertas como Anita Auer (Lausanne), Jane Hodson (Sheffield), Linda Pillière (Aix-Marseille), Shana Poplack (Ottawa), Machteld de Vos (Leiden).