Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Elías Feijó: “A Galicia actual é en boa medida neofalante”

Elías Feijó é decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e profesor titular de Literatura Galega. Vinculado historicamente ao movemento reintegracionista, participou en numerosos proxectos de promoción da lingua galega e de aproximación ao mundo lusófono. Nesta conversa aborda cuestións clave como o papel da educación na socialización lingüística, o valor do neofalantismo e os desafíos do galego no sistema universitario.

Cal cres que é o papel do ensino na socialización lingüística das novas xeracións, especialmente das que xa non xeran a lingua de maneira natural na familia?

A familia e a escola son as que van dar a visión do mundo. E isto está máis que estudado. A primeira, a da familia, é a que vai ficar para sempre nas persoas. Esa visión do mundo pode ser vehiculada a través de diversas linguas, pero se é feita a través do galego, esa visión, mesmo que despois a persoa acabe por falar español ou outras linguas, estará sempre presente.

E socialmente? Non só como lembranza individual, senón en termos de aplicación social.

En termos individuais, xera sempre unha memoria afectiva, psicolóxica, social… que vai estar sempre presente no mundo da súa vida. E socialmente depende dos espazos nos que esa persoa se mova. En Galicia, que acontece? Que ou tes burbullas de ensino, ou, no momento en que se produce unha socialización con persoas que falan español —mesmo sendo poucas—, esa persoa vai perder ou deixar de usar o galego. Por que? Porque ambientalmente non hai ningún tipo de protección. E tamén polo propio prestixio do español, que aínda está presente.

É dicir, cres importante empezar dende un principio con esa lingua base.

Penso que é moi importante. De todas maneiras, todo é relativo. O que pode ser importante aos 3, 5, 7 ou 9 anos, non ten por que deixar de selo aos 15, 18 ou 25. Quero dicir que é unha cuestión de adherencia, de adhesión, e polo tanto non ten por que ser capital. Os inputs lingüísticos que unha persoa pode recibir son de moi diferente índole e poden influír dun xeito ou doutro. O mundo neofalante é un exemplo diso. En boa medida, a Galicia actual é unha Galicia neofalante en termos de uso lingüístico.

En que sentido?

Hai moitas persoas educadas primariamente en español que nutren as fileiras do uso consciente do galego, da súa reivindicación. Está por facer, pero poderíase facer un estudo que nos ilustrase sobre as persoas envolvidas en procesos de normalización lingüística. Probablemente atopariamos que a maior parte delas eran primariamente hispanofalantes, neofalantes.

E que papel xoga a universidade neste proceso?

A universidade ten sido un factor de galeguización das persoas. Moitas descubriron aquí o galego, e tamén o galeguismo. Outras recuperaron usos primarios da infancia. Por que? Porque atoparon ambientes que o permitiron. Agora, penso que está perdendo forza nese sentido. Hoxe hai menos galegofalantes no estudantado. Probablemente porque a tensión que antes motivaba ese tipo de adhesións tamén diminuíu. E tamén porque existe unha certa tendencia a considerar o galego como algo popular, ligado a formas que non todo o mundo recoñece como propias.

Que responsabilidade ten a universidade, e concretamente a Facultade de Filoloxía, neste contexto?

O galego é a lingua de uso normal, tamén administrativa. E hai persoas con responsabilidades académicas que se senten interpeladas pola situación do galego e que o usan con normalidade. A partir de aí, cadaquén fará o uso que entenda oportuno. Eu observo unha galeguización de facto maior nas persoas traballadoras da universidade, mesmo no uso formal da lingua. Avanzouse. Pero tamén é certo que os nosos índices colocan o galego ás veces nunha posición subalterna ou de infidelidade.

E a Facultade de Filoloxía?

É unha facultade como calquera outra. Isto é fundamental entendelo. Ás veces mesmo hai que pensar que podería ser das que menos contributo dá. Aquí estúdanse lingua, literatura, culturas… Non teño dúbida diso. Pero a nosa transversalidade debería chegar a todas as disciplinas. Hai facultades onde o uso do galego é moi baixo.

Facultades de ciencias, por exemplo?

Preferiría ver galeguizadas esas facultades antes que outras onde xa hai un certo uso.

Falando de innovación pedagóxica, cres que hai boas experiencias no uso do galego en contextos educativos?

A innovación educativa é unha das grandes tarefas urxentes da nosa sociedade, en todos os niveis. Hai experiencias magníficas, de todo tipo, que deberían estenderse. O noso ensino carece dunha visión máis práctica que axude á reflexión teórica. E máis aínda no contexto da intelixencia artificial, que nos interpela a ter máis debate, máis empirismo, máis desenvolvemento sólido. A IA pode ser unha aliada nese camiño.

Algunha metodoloxía concreta?

As aprendizaxes por servizos, as aprendizaxes por proxectos, as aulas invertidas… Faltan tamén entre as disciplinas moito traballo de campo, análise social. E no ámbito da educación non formal, hai un espazo fundamental no asociacionismo, que en Galicia é relativamente pequeno en comparación con outros lugares. Ese ámbito é tamén moi poderoso para a socialización curricular e lingüística.

Sobre o reintegracionismo, como valoras a aplicación dunha lei como é a de Paz Andrade?

Paréceme oportuna. Foi impulsada polos sectores reintegracionistas que ven o declive da nosa lingua non só no uso, senón tamén na calidade. Ao non ser aceptada polas autoridades a idea de introducir directamente o ensino da lingua portuguesa como parte da nosa propia lingua, literatura e cultura, optouse por esta solución “estranxeira” para reforzar ese vínculo.

Pero iso non implica ver o portugués como unha lingua estranxeira máis?

Esa é a cuestión. A lei existe porque, probablemente, o portugués ten máis que ver connosco que calquera outra realidade lingüística. E ao mesmo tempo, se falamos de internacionalización, significa que necesitamos achegar o constructo que chamamos galego ao resto do mundo de lingua portuguesa. Isto evidencia que temos un problema máis serio.

E sobre a perda da singularidade do galego que algúns temen?

Querería saber eu para que serve esa “singularidade”, excepto para continuar afundíndonos. Mesmo sen o debate sobre o reintegracionismo, sería unha solución indiscutible. Temos un tesouro ao lado e temos que utilizalo. Ninguén fala da utilidade, e ese é o problema. A xente nova non usa o galego porque non o percibe como útil.

Defendes, pois, un reintegracionismo activo?

Galicia e o galego teñen nunha orientación reintegracionista unhas posibilidades inmensas. Colocándose lealmente dentro da lusofonía, temos moitos contributos: historia, comunidade, concepción do mundo, patrimonio… Non defendo diluírnos no lisboetismo, ao contrario: defendo o meu patrimonio no mundo de lingua portuguesa.

Iso ten unha base persoal?

Si. Eu son neofalante. Fun educado en español e comecei a virar cara ao galego nos anos 70. Foi unha decisión por contacto, por relacións humanas, por experiencias vitais. Fun consolidando ese cambio na universidade. E non o fixen dende o vitimismo, senón dende a convicción.

E que lles dirías a outras persoas que poidan estar nun proceso de achegamento ao galego?

Que é unha oportunidade única. Non é só unha cuestión lingüística, é o desexo de formar parte dun modo de estar no mundo. Compartir unha lingua é compartir unha forma de ver e interpretar o mundo. Cando estou en Maputo, en São Paulo ou no norte de Portugal, sinto que comparto algo. E iso enriquece. O neofalantismo é unha aventura marabillosa, unha forma de se unir a un colectivo sen outra alfándega que dicir: “Vou contribuír no que poida”. Hai moitas formas de contribuír. E é unha satisfacción extraordinaria saber que estás facendo que Galicia continúe, que a súa tradición e a súa modernidade sigan vivas.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.