Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Como conseguir o Celga 2 e o Celga 4 desde a casa e en calquera parte do mundo?

Xunta ampla a oferta formativa de autoaprendizaxe en liña cos cursos preparatorios do Celga 2 e Celga 4 tras o “gran éxito” do curso básico, inaugurado o ano pasado.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou o lanzamento nunha rolda de prensa. Ademais, a subdirectora de política Lingüística, Lourdes Batán, avanzou que están a traballar para poder sacar o Celga 3 o ano que vén.

Tal e como informou García, no curso básico hai inscritas actualmente máis de 3.000 persoas, “o que mostra o gran interese que este espertou e que motivou á secretaría a seguir apostando por este tipo de formación, ampliándoa a todos os niveis”. Valentín García explicou que lanzaron non só a continuación do básico, o Celga 2, senón tamén o Celga 4 porque é “sen dúbida” o que máis demanda a cidadanía.

O secretario xeral de Política Lingüística destacou que os puntos fortes desta modalidade son a posibilidade de acceder desde calquera lugar do mundo, xa que “cada vez son máis os descendentes de galegos que se interesan por coñecer e estudar a lingua”, así como que teñen liberdade de compatibilidade e moita accesibilidade.

OS CURSOS

Estes cursos supoñen a adaptación en liña e de autoaprendizaxe dos cursos tutorizados, tal e como explicou o representante de Imaxin, a empresa de profesionais encargada de desenvolver o programa, Diego Vázquez. Tanto o Celga 2 como o 4 contan con oito unidades con 30 actividades multimedia interactivas cada unha, nas cales hai exercicios de gramática, compresión oral, lectora e unha parte dedicada a coñecer a cultura galega.

Ao ser cursos preparatorios, é dicir, que non certifican o nivel de maneira oficial, contan con exemplos de exames oficiais do para que os inscritos poidan facerse unha idea de como é a proba real.

Teñen unha inscrición gratuíta e estarán dispoñibles a partir do 21 de marzo na web da Plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Portal da Lingua Galega.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.