Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Castelao, protagonista dunha web da RAG que percorre os seus feitos destacados

Tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950, morría no exilio bonaerense Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Membro de número da Real Academia Galega, a institución dedicoulle en 1964 o segundo Día das Letras Galegas. No 75 aniversario do seu pasamento, a RAG súmase ás celebracións que lembrarán a súa figura e o seu legado estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con el.

O novo sitio de academia.gal que se estrea hoxe consta de dúas seccións. En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. “Este espazo acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no noso arquivo —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao— coma a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos. Preténdese con todos eles ilustrar a obra e a biografía do rianxeiro”, explica o académico Henrique Monteagudo.

Na outra sección, Pezas destacadas, membros da RAG e outros especialistas presentarán cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao. “Aínda que non todas estean hoxe depositadas nas instalacións da RAG —como é o caso dos grandes cadros de cegos que se poden visitar no Museo de Pontevedra—, todas son propiedade da institución e como tales as ofrecemos ao público”, engade Monteagudo.

A primeira peza da colección da RAG que se amosa é a bandeira do Consello de Galiza, denominada bandeira de Castelao, empregada nas exequias do escritor en Buenos Aires, que foi doada á Academia pola súa viúva. O encargado de comentala é Carlos Brandeiro, académico correspondente fincado na capital arxentina, quen recorda como a despedida deste galego universal conmoveu a cidade porteña: “Artigos nos xornais máis importantes da Arxentina; adhesións dende diferentes partes do mundo; emoción e dor nos discursos; milleiros de mans que teimaban en tocar o féretro; nove carrozas que portaban 87 coroas florais; unha manifestación que paralizou a avenida Belgrano; un funeral de Estado”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.