Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Ve a luz unha novela inédita de Ramón Otero Pedrayo escrita no “exilio interior” tras a Guerra Civil

O Consello da Cultura Galega (CCG) puxo á disposición da cidadanía a edición dixital de Contra el filo del río, unha novela inédita de Ramón Otero Pedrayo escrita en 1945. A publicación supón un novo paso na recuperación e difusión do patrimonio literario galego ao dar a coñecer unha obra descoñecida dun dos autores fundamentais da nosa cultura.

A edición inclúe unha presentación da presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, un estudo introdutorio do profesor Xosé M. Salgado, un dos maiores especialistas na obra do escritor de Trasalba, e a reprodución facsimilar do manuscrito orixinal. Para Vilavedra, esta publicación permite afondar na “vasta creatividade” de Otero Pedrayo, que atopou na literatura “a áncora da supervivencia” durante os anos máis difíciles da posguerra, marcados polas limitacións materiais e intelectuais impostas polo franquismo.

No estudo que acompaña a edición, Salgado sitúa a novela no contexto do chamado “exilio interior” que viviu o autor tras a Guerra Civil. Apartado da vida pública, Otero Pedrayo converteu a escrita nun espazo de resistencia e creación. O investigador considera que Contra el filo del río amosa un escritor chegado á “plena madureza literaria na arte de contar” e destaca tanto a solidez da trama como a capacidade para manter o suspense ata un desenlace sorprendente.

Contra el filo del río, Ramón Otero Pedrayo

Unha viaxe entre o real e o fantástico

Escrita en Trasalba e asinada co pseudónimo Santiago Amaral, a novela aparece subtitulada no propio manuscrito como Fantasía al estilo de Hoffmann, unha declaración de intencións que revela o diálogo da obra coa tradición fantástica europea encabezada por E. T. A. Hoffmann. Tamén mantén vínculos coa literatura galega, especialmente con El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro.

A historia segue a Santiago Cañizares, un estudante madrileño que emprende unha misteriosa viaxe cara a Arcaya, unha cidade situada nun territorio onde se confunden o tempo histórico, a memoria e a morte. Ao longo do percorrido, o protagonista enfróntase a un universo envolto na néboa, habitado por dobres, aparicións e figuras que transitan entre a vida e a morte.

Segundo Salgado, a narración estrutúrase como unha “viaxe mítica” dividida en tres momentos (partida, aventura e regreso), na que o elemento fantástico irrompe continuamente na realidade, obrigando o lector a cuestionar o que acontece. Na conclusión do seu estudo, o investigador destaca que esta obra confirma a extraordinaria capacidade narrativa de Otero Pedrayo e a súa habilidade para construír historias capaces de entreter e estimular a imaxinación.

Recuperación do patrimonio literario

A publicación incorpora ademais a reprodución íntegra do manuscrito autógrafo, composto por 68 follas escritas a tinta negra por unha soa cara, o que permite achegarse directamente ao proceso creativo do autor. Esta edición forma parte da liña de traballo do Consello da Cultura Galega destinada á recuperación, edición e difusión do patrimonio bibliográfico e documental. A institución anunciou que ao longo deste ano continuará poñendo en acceso aberto outras obras inéditas ou pouco coñecidas de Ramón Otero Pedrayo, ampliando así o coñecemento sobre unha das figuras centrais da literatura galega do século XX.

Acto de Ateneo no local social, presidido por Otero Pedrayo
Acto de Ateneo no local social, presidido por Otero Pedrayo – 28/07/1959. CCG

Coñecer mellor a Otero Pedrayo

Coincidindo coa publicación desta novela inédita, o Consello da Cultura Galega mantén dispoñible un especial dedicado á figura de Ramón Otero Pedrayo, no que recompila recursos documentais, publicacións, materiais audiovisuais e contidos divulgativos sobre a súa vida, a súa obra e a súa achega á cultura galega.

Este espazo ofrece unha visión ampla do intelectual ourensán e constitúe unha ferramenta de referencia para afondar no legado dun dos principais representantes da Xeración Nós. Destacan os audios inéditos de Otero Pedrayo nas Xornadas Galegas de 1959 do Centro Galego de Bos Aires.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.