O interese polo galego como lingua de formación medra en Ourense e noutras cidades, segundo explica Borja Rodríguez Pérez, profesor na academia Galeduca. A entidade, nacida como centro de apoio escolar, foi derivando cara á formación de adultos e especializouse nos últimos anos na preparación de titulacións oficiais de galego, que concentran boa parte da súa actividade.
Rodríguez recoñece que o perfil maioritario do alumnado é o dos opositores, persoas que necesitan a acreditación para acceder a un posto público. Mais detrás desta motivación práctica, adoita haber vínculos persoais: “Moitos veñen porque teñen parella galega ou porque son fillos de emigrantes que queren regresar”. Outros casos están relacionados coa busca dunha mellor calidade de vida, especialmente en comparación con grandes urbes como Barcelona.
Non obstante, non todo o alumnado responde a ese perfil. O profesor sinala que tamén se apuntan persoas que senten atracción pola cultura e pola vida en Galicia, así como estranxeiros de diferentes países que amosan unha actitude “fantástica” cara á lingua.
Actitude positiva, malia a obriga
O docente recoñece que cando comezaron a ofertar cursos de galego tiña certo receo a atoparse con alumnado “alporizado” pola chamada ‘imposición do galego’. Porén, a súa experiencia foi distinta: “En seis anos só tiven casos contados de persoas que se apuntan a contragusto. A inmensa maioría colle o galego con ganas e descobre que é unha lingua fermosa”.
Segundo Rodríguez, arredor dun 85-90% do alumnado amosa unha actitude moi positiva. Mesmo quen chega só pola obriga legal ou administrativa acaba valorando a aprendizaxe. “Moitas veces dinme: ‘Estou descubrindo unha lingua que me gusta máis do que pensaba'”, asegura.
A transmisión xeracional, un elo feble
Borja, malia traballar unicamente con adultos, observa tamén a situación do galego entre a mocidade: “Moitos rapaces son capaces de escribir perfectamente en galego, pero lles custa moitísimo falalo”. Apunta á ruptura na transmisión familiar como un dos factores principais: “Os pais que falan galego entre eles diríxense aos fillos en castelán, quizais por costume ou vergoña”.
As barreiras máis habituais
Entre os obstáculos que atopan os novos falantes destaca un: “Moitas veces dinme que o difícil é atopar con quen falar galego”. Isto ocorre sobre todo en cidades como A Coruña ou Vigo, mentres que en urbes máis pequenas como Santiago ou no rural esa limitación non se percibe tanto. A iso súmase a inseguridade lingüística de moitas persoas galegofalantes, que prefiren mudar ao castelán por medo a cometer erros.
Outro atranco é a falta de ferramentas dixitais atractivas. Alumnado novo adoita preguntar por aplicacións de aprendizaxe semellantes a Duolingo, que polo de agora non existen para o galego.
O valor da obriga e a necesidade de pedagoxía
Este profesor considera que a esixencia de coñecer galego en certos ámbitos funciona: “Permite acceder a unha lingua máis e abre portas”. Ao mesmo tempo, defende a importancia de facer pedagoxía sobre a utilidade real do galego, tanto no ámbito laboral como no social.
Dende a academia tamén realizaron traducións para empresas ou institucións que buscan presentarse en galego, aínda que este tipo de encargos segue a ser minoritario. “Hai aínda pouco movemento empresarial nese sentido”, admite.
En definitiva, Rodríguez conclúe que o galego é recibido “con moita máis naturalidade e positividade do que ás veces se transmite nas redes sociais”. Para el, a aprendizaxe da lingua está a se converter nunha oportunidade vital e profesional para moitas persoas que chegan ou regresan a Galicia, e tamén nun exercicio de redescubrimento para quen a aborda por primeira vez.