Presentada este domingo en Pontevedra, no marco da 17º feira Culturgal, ‘Bibopalula’ supón a primeira serie de animación musical en lingua galega. Mahía é o apelido que se atopa detrás da súa creación e dirección, por parte de Andrés e Laura, que buscaron achegar o mundo natural á infancia galega a través dun relato cheo de cor e diversión. Os episodios, de cinco minutos de duración, están pensados para o público de ata 4 anos.
Lado, ou Touriñán, “pían” a historia
“Merli e Robin póñense a cantar xuntos para formar un grupo musical…”, así inicia o relato dos 55 capítulos que protagoniza a ornitolóxica A Banda do Bosque dentro do escenario dun “bosque amable”, dos que vinte xa están dispoñibles a través da plataforma xabarin.gal, en horario de emisión, e da aplicación propia do Xabarín dende o venres. A historia, coproducida pola CRTVG e a empresa Undodez, é relatada coas voces de intérpretes galegos coñecidos como Melania Cruz, Marta Lado ou Xosé A. Touriñán. Santi Jul e Iván Laxe, encargados da BSO, son os autores do tema orixinal co que remata cada pilula audiovisual.
O público familiar tivo unha gran relevancia na terceira xornada de Culturgal coa presentación de Bibopalula, a primeira serie de animación musical en galego https://t.co/ERVI2FHAIS pic.twitter.com/mOAY3U901P
— Praza Pública (@prazapublica) December 1, 2024
O conselleiro de Cultura, José López, participou este domingo na súa presentación ao público no evento pontevedrés, ao que acudiron 250 nenos. López puxo en valor a “audacia” da peza audiovisual, unha das dirixidas ao público familiar máis prometedoras das últimas décadas, realizada íntegramente por profesionais e empresas de Galicia. Na súa intervención destacou o “talento” acollido no territorio, exemplificado en innovacións coma esta.