A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela vén de convocar a décimo segunda edición do Concurso literario ‘Mazarelos’, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade da mocidade universitaria, impulsar o uso do galego e dar visibilidade a novas voces literarias.
O certame está aberto á participación do estudantado de grao, mestrado e doutoramento da USC, así como de persoas investigadoras vinculadas á universidade a través de contratos asociados a proxectos de I+D ou programas posdoutorais. Para poder optar ao concurso, as persoas participantes deberán cumprir estes requisitos en calquera momento do ano 2026 anterior á finalización do prazo de presentación.
As obras presentadas deberán ser orixinais, inéditas e escritas en lingua galega, e poderán enmarcarse en calquera xénero literario e temática, o que amplía o abano de propostas creativas que poden concorrer á convocatoria.
O prazo de entrega dos traballos estará aberto ata o 11 de setembro, e o certame establece tres premios económicos: un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 500 euros e un terceiro de 400 euros.
En canto á avaliación das obras, o xurado estará composto por cinco persoas designadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía. Entre elas, polo menos dúas deberán pertencer ao persoal docente e investigador (PDI) do centro, procurando que unha delas estea vinculada ás áreas de Filoloxías Galega e Portuguesa. Ademais, poderá haber ata tres integrantes sen relación actual coa Facultade. A presidencia do xurado recaerá nun profesor ou profesora da Facultade, elixido entre as persoas que compoñan o tribunal.