A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña lanzou este xoves a segunda edición de ‘#AsPalabrasdaCiencia’. Esta campaña, que se difundirá a través de Internet durante este mes de novembro, ten como obxectivo mostrar o compromiso da institución provincial co mundo científico e a importancia de dinamizar a lingua galega nesta área de referencia social.
Segundo explica este organismo nun comunicado, o proxecto serve para “abrir unha pequena xanela” ao labor das persoas que traballan ao longo de todo o ano en múltiples disciplinas científicas en lingua galega “porque en galego tamén se constrúe ciencia”.
A campaña distribuirá nas redes sociais da Deputación contidos que asocian os valores da ciencia co uso do idioma galego e ofrecerá información sobre centros de referencia na investigación e divulgación e sobre fitos históricos da ciencia. Tamén incluirán proxectos que se desenvolven na provincia da Coruña co apoio da esta institución.
Os internautas serán os protagonistas e o motor principal desta iniciativa, convidándoos a difundir contidos que xeren ao longo do mes para que cheguen ao maior número de usuarios posible. Entre todas as persoas que colaboren sortearanse un telescopio e tres lotes de libros de ciencia en galego.