A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo vén de convocar o V Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco Grande, unha iniciativa orientada a fomentar o uso do galego no ámbito académico e xurídico. O certame está promovido pola Coordinación de Normalización e Política Lingüística do centro e insírese no marco normativo que recoñece e impulsa a lingua galega, entre o que se inclúen a Constitución, o Estatuto de Autonomía de Galicia, a Lei de Normalización Lingüística e os propios estatutos da institución.
O premio toma o nome de Xosé Luis Franco Grande, figura escollida por votación dentro da comunidade universitaria. Nado en Tebra (Tomiño) en 1936 e falecido en Vigo en 2020, foi avogado, escritor e membro da Real Academia Galega. A súa traxectoria destacou tanto no ámbito xurídico como no literario, con obras de poesía, ensaio e teatro, ademais dun dicionario galego-castelán publicado en 1968.
A convocatoria está dirixida a persoas matriculadas en universidades do Estado durante os cursos 2022-2023, 2023-2024 e 2024-2025. O certame conta con dúas modalidades: unha aberta a todo o estudantado universitario e outra específica para alumnado da propia facultade viguesa, tanto de grao como de mestrado.
Os traballos deberán ser orixinais, redactados en galego e centrados en calquera temática xurídica, cunha extensión de entre 20 e 40 páxinas. A presentación realizarase en formato PDF a través de correo electrónico, conforme ás condicións recollidas nas bases. O prazo para participar permanecerá aberto ata o 10 de abril de 2026.
Cada modalidade contará cun premio de 500 euros, ademais dun diploma acreditativo. O xurado valorará cuestións como a calidade investigadora, o interese do tema, o enfoque metodolóxico e a corrección lingüística dos traballos presentados.
O fallo do xurado darase a coñecer coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, no mes de maio, mentres que a entrega dos galardóns terá lugar nun acto académico da facultade. Nas edicións anteriores, o certame recoñeceu diversos traballos de alumnado universitario, consolidándose como unha iniciativa de referencia na promoción da investigación xurídica en lingua galega.