A comezos de decembro, saíu un estudo da man do proxecto socio-educativo Ao Son da Nosa Música no que advertía que tan só un 40% da rapazada coñecía algún ou algunha cantante ou grupo de música en galego. A pesar desta necesidade por promover a nosa lingua na música, Radio Galega non vai apostar por ela.
A música en lingua galega ocupará 30% do total de temas que emite Radio Galega Música, canle pública galega integrada na Corporación de Radio-Televisión da Galicia. A cifra, en comisión parlamentaria polo director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, xerou diferenzas de criterio entre o propio director e outros grupos políticos, como recolle Nós Diario.
Mentres Izquierdo considerou ese 30% “un mix moi positivo” á hora de normalizar a música galega con outras realidades, a deputada do BNG Olalla Rodil considerou escaso que de 10 cancións tan só tres sexan en lingua galega. A deputada nacionalista recalcou que a CRTVG “non está cumprindo a súa misión de servizo público” na difusión musical e cultural.
Isto é máis grave aínda tendo en conta que máis do 80% de rapaces e rapazas entre 10 e 18 nunca ou case nunca escoitan música en galego. É certo que este grupo de persoas non adoitan a escoitar a radio, pero aínda así este medio segue a ser un dos máis potentes para a promoción, distribución e promoción da música en galego. Máis información en: Nós Diario.