Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Da infancia viguesa á terra de Merlín: a RAG percorre a vida e a obra de Begoña Caamaño a través da toponimia

A Real Academia Galega (RAG) continúa desenvolvendo a programación arredor da figura de Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, cunha nova entrega da serie audiovisual ‘O Seminario de Onomástica responde’, centrada nesta ocasión nos lugares que marcaron a súa biografía e o seu universo literario. A través de catro minivídeos divulgativos, a institución propón unha viaxe entre Vigo e Ferrol, combinando investigación lingüística, historia e literatura para afondar na orixe de diversos nomes de lugar presentes na vida e na obra da escritora.

As pezas, xa dispoñibles na web da Academia e na súa canle de Youtube, percorren espazos vinculados á infancia da xornalista viguesa e tamén escenarios literarios que aparecen na súa novela ‘Morgana en Esmelle’, publicada en 2012.

O percorrido comeza en O Calvario, barrio vigués onde naceu Begoña Caamaño en 1964. O académico Gonzalo Navaza explica que este topónimo conta cunha longa traxectoria histórica, documentada xa en 1153, cando aparece citado un Monte Calvario na freguesía de Santa Cristina de Lavadores.

Segundo detalla o profesor da Universidade de Vigo, a interpretación do nome resulta relativamente directa, ao estar relacionada cun calvario ou monumento relixioso composto por tres cruces, do que actualmente non se conservan restos materiais. Navaza apunta ademais a unha hipótese recollida por Iván Sestay, segundo a cal a desaparecida estrutura puido deixar a súa pegada na actual rúa do Cristo, situada nesta contorna viguesa.

Outro dos nomes analizados é Lavadores, antigo concello absorbido por Vigo en 1941. Neste caso, a explicación remite ás actividades desenvolvidas historicamente nos lavadoiros próximos ao río hoxe coñecido como Lagares, aínda que antigamente recibía o nome de Sárdoma.

A análise permite tamén recuperar unha curiosidade lingüística presente nos documentos medievais: a palabra Lavadores aparecía empregada en feminino. “Do mesmo xeito que se dicía mĩa senhor, tamén eran ũa lavador as mulleres que lavaban”, explica Gonzalo Navaza nos vídeos.

A serie trasládase despois á parroquia ferrolá de Esmelle, espazo literario fundamental tanto na obra de Álvaro Cunqueiro como na reinterpretación realizada por Begoña Caamaño en ‘Morgana en Esmelle’, onde a autora sitúa a feiticeira das lendas artúricas en Galicia na procura de Merlín.

O técnico do Seminario de Onomástica Iván Méndez explica que o topónimo ten a súa orixe nun nome persoal, concretamente nunha expresión latina relacionada cun propietario chamado Ismael. Segundo sinala, a forma podería proceder de (VILLA) ISMAELI, é dicir, “as terras que eran propiedade dunha persoa chamada Ismael”.

As referencias históricas máis antigas aparecen tamén no século XII, en documentos dos mosteiros de Caaveiro e Sobrado, onde se rexistran variantes como Sancti Iohannis de Ismaeli, Esmaeli ou Ysmaelli. O actual nome de Esmelle non aparecería ata o século XV.

Outro dos elementos destacados é Miranda, nome da casa simbólica á que acode Morgana durante a novela. A académica correspondente Luz Méndez explica que Cunqueiro tomou este topónimo dunha antiga Terra de Miranda medieval situada na actual provincia de Lugo.

Ao longo dos séculos, Miranda identificou distintos territorios administrativos ata desaparecer da nomenclatura oficial durante o século XIX. Na actualidade o nome segue presente en diversos lugares galegos, entre eles unha parroquia de Castroverde e núcleos situados en Cangas do Morrazo, A Caniza, Gondomar e Parada de Sil.

En relación coa súa etimoloxía, a interpretación tradicional vincúlao ao termo latino MIRANDUS, asociado a ideas como “marabilloso”, “sorprendente” ou “admirable”. Porén, a académica apunta tamén á posibilidade dunha orixe máis antiga, vinculada a raíces prerromanas relacionadas coa auga. Segundo esta hipótese, Miranda podería proceder dunha base indoeuropea relacionada con “augas mansas”, compartida con outros topónimos galegos como Mira ou Miras.

A través desta nova serie, a Real Academia Galega continúa empregando a toponimia como ferramenta para interpretar a historia, a lingua e a literatura, poñendo o foco nesta ocasión nos espazos que conformaron o universo vital e creativo dunha das voces homenaxeadas nas Letras Galegas do próximo ano.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.