Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A metade dos servizos de normalización carecen de orzamento propio e o 80 % dos equipos educativos funcionan de forma voluntaria

A rede de Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG)mantense en funcionamento en Galicia grazas á profesionalidade e ao compromiso das persoas que as integran, pero precisa con urxencia “estabilidade financeira, mellor gobernanza e coordinación efectiva” para garantir a continuidade da política lingüística de proximidade. Así o recolle literalmente un estudo recente que analiza a situación destes programas en todo o territorio galego.

O informe examina máis de medio cento de SNL e 420 equipos de dinamización, detectando unha realidade consolidada mais desigual, tanto na distribución territorial como na dotación de medios.

Servizos de Normalización Lingüística

No caso dos SNL, a análise conclúe que Galicia conta cunha rede ampla pero irregular, con forte concentración na provincia da Coruña e escasa presenza nos concellos rurais. O 81,1 % pertencen á administración local —maioritariamente concellos e deputacións—, mentres que só un 5,7 % dependen da Xunta e un 7,5 % da Xustiza.

A media de funcionamento sitúase nos 24,5 anos, e case o 80 % nunca interromperon a súa actividade, o que revela unha destacable continuidade institucional a pesar da falta de recursos. A estrutura humana é mínima: o 75,5 % dos servizos teñen unha soa persoa técnica, cunha media de 1,49 profesionais por servizo, en xeral con alta cualificación —o 75,9 % posúe titulación en Filoloxía— e unha antigüidade media de 17 anos.

Porén, case a metade dos servizos (47,2 %) carece de orzamento propio, o que limita a súa capacidade de planificación. Entre as principais debilidades, os profesionais sinalan a escaseza ou ausencia de recursos (41,5 %) e a falta de valoración institucional (35,8 %). As áreas de traballo máis habituais son o asesoramento lingüístico (25,1 %), a dinamización (20,4 %) e a xestión administrativa (18,5 %), con actividades centradas especialmente no lecer, a mocidade e as familias.

Só o 11,3 % dos SNL dispoñen dun plan xeral de normalización, mentres que un 13,2 % carece de calquera instrumento de planificación. Entre os puntos fortes destacan a estabilidade e a proximidade á cidadanía, mais o estudo subliña a necesidade de reforzar o compromiso político e incrementar a dotación orzamentaria, valorada como a prioridade principal polos profesionais (4,29 sobre 5).

Equipos de Dinamización da Lingua Galega

No ámbito educativo, o informe debuxa un panorama semellante. A maioría dos centros galegos contan cun EDLG activo pero con recursos escasos e funcionamento sostido sobre todo polo compromiso persoal do profesorado (78,8 %), en especial do departamento de Lingua Galega, que coordina o 44,4 % dos equipos.

A dedicación real supera amplamente o tempo recoñecido: as horas efectivas de traballo duplican as asignadas oficialmente, e a chegada tardía das axudas reduce a capacidade de planificación. Os orzamentos, cando existen, adoitan destinarse a efemérides, certames, festivais ou accións puntuais, con boa acollida entre o alumnado pero escasa continuidade ao longo do curso.

O estudo sinala tamén a falta de formación específica e estrutura estable, así como a necesidade dunha maior coordinación entre centros e administracións. Entre as prioridades de mellora destacan a estabilidade orzamentaria, o recoñecemento institucional e a anticipación das axudas.

En conxunto, o informe conclúe que o futuro da política lingüística de proximidade en Galicia depende de reforzar a estrutura e a coordinación entre SNL e EDLG, garantir financiamento estable e ofrecer formación adaptada ás súas funcións. “A existencia destes servizos é unha condición necesaria para que o galego manteña presenza real nas administracións e nos centros de ensino”, advirte o documento, “pero sen apoio político e recursos adecuados, o seu impacto verase inevitablemente limitado”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.