A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que RTVE continúa sen cumprir as obrigas legais en materia de emisión de contidos en galego, malia que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual establece porcentaxes mínimas de dobraxe e lexendaxe nesta lingua. Segundo lembra a entidade, o ente público debería ofrecer un 2,5% de contidos en galego en televisión e na plataforma RTVE Play, así como garantir o 100% da programación en galego na canle Clan TVE, extremos que, ao seu xuízo, non se están a respectar.
A organización cualificou de “bochornoso” que, dous anos despois da aprobación da norma, os primeiros pasos dados por TVE para introducir contidos en galego se estean a realizar mediante intelixencia artificial xenerativa aplicada á lexendaxe, unha práctica que, segundo sostén, “elimina a calidade sobre unha cantidade onde o galego está completamente ausente”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertiu de que, a pesar de tratarse dunha canle pública financiada tamén pola cidadanía galega e con maiores obrigas legais respecto ao uso da lingua, TVE é actualmente a plataforma con menor porcentaxe de oferta en galego, situándose por debaixo do 0,92% do conxunto das plataformas audiovisuais.
Á crítica sumouse a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que considera que a substitución do traballo humano por ferramentas de intelixencia artificial xenerativa prexudica a calidade final dos contidos e contribúe á precarización do sector. A entidade sostén que este tipo de sistemas vulneran dereitos de autor e de propiedade intelectual “na súa propia concepción”, ao basearse en modelos adestrados con materiais protexidos.
Na mesma liña pronunciouse o sindicato Actores e Actrices da Dobraxe Asociados (ADA), que lembra que o proceso de tradución audiovisual require ter en conta elementos que van máis alá do texto escrito, como a imaxe, o son, o contexto cultural ou as adaptacións necesarias para persoas con necesidades auditivas especiais. Segundo defenden, estas dimensións non poden ser abordadas adecuadamente por ferramentas automatizadas, polo que só o traballo profesional garante un resultado que respecte o contido orixinal e os dereitos do público.
Desde ADA consideran ademais que o recurso á intelixencia artificial para cumprir coa normativa “vai en contra do espírito da lei, ao constituír máis un freo que un impulso para a lingua galega”, ao tempo que supón unha desconsideración cara ás persoas traballadoras do sector.
A Mesa, AGPTI e ADA coinciden en cualificar esta práctica como “un ataque directo ao sector da tradución audiovisual e aos dereitos lingüísticos do público telespectador”, subliñando que resulta especialmente grave ao tratarse dunha institución pública como RTVE, suxeita a obrigas específicas de promoción e garantía do uso das linguas cooficiais do Estado.