A Deputación de Pontevedra vén de convocar a segunda edición do Premio Castelao de Textos Teatrais, unha iniciativa que tivo a súa primeira edición en 2025 coincidindo co 75 aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O certame mantén a súa dotación económica, cun único premio de 12.000 euros, que inclúe ademais a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra ata un máximo de 800 exemplares.
Segundo recollen as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), o prazo de presentación de orixinais abriu este 30 de marzo e permanecerá activo ata o 15 de setembro. A convocatoria está dirixida a persoas maiores de idade que presenten textos teatrais orixinais e inéditos en lingua galega, conforme á normativa da Real Academia Galega.
O obxectivo do premio é fomentar a creación dramática en galego, apoiar o labor das escritoras e escritores e contribuír á mellora da calidade literaria no ámbito teatral. Ademais, a iniciativa pretende promover o talento da provincia e manter viva a memoria de Castelao como dramaturgo, ao tempo que reforza a presenza da lingua galega na produción cultural contemporánea.
As obras deberán ter unha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos) e non poderán ter sido premiadas anteriormente nin representadas en escena. A presentación realizarase de forma anónima mediante o sistema de plica, e non poderá participar a persoa gañadora da anterior edición, que foi José Luis Baños de Cos coa obra “Khora”.
O texto vencedor será publicado pola Deputación e escollido por un xurado composto polo presidente e o secretario da institución provincial, xunto con cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego. O fallo darase a coñecer o 29 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao.