Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A CTNL convoca a sétima edición dos Premios Mil Primaveras para recoñecer boas prácticas no uso do galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a sétima edición dos Premios Mil Primaveras, unha iniciativa que desde o ano 2019 recoñece accións, programas e proxectos que contribúan a promover o uso e o prestixio da lingua galega.

Estes galardóns, que non teñen dotación económica, buscan dar visibilidade ás boas prácticas en materia de normalización lingüística e difundir experiencias que poidan servir de modelo a outras entidades, ademais de transmitir unha imaxe positiva do traballo a prol do galego. As accións recoñecidas serán difundidas nun acto público de entrega e a través da web www.milprimaveras.gal, onde se poden consultar tamén os 32 proxectos premiados nas seis edicións anteriores.

Nesta nova convocatoria, poderán presentarse proxectos con vixencia entre 2022 e 2025, sempre que estean xa desenvolvidos. Non se admitirán propostas pendentes de executar nin traxectorias de entidades, e tampouco poderán optar aquelas iniciativas que xa foron recoñecidas en edicións previas.

A participación é voluntaria e os proxectos deben ser presentados polas propias entidades ou persoas promotoras, que serán as encargadas de describir os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación. A inscrición realizarase unicamente a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal, e non existe límite no número de candidaturas por entidade ou persoa. O prazo de presentación permanecerá aberto desde o 8 de outubro de 2025 ata o 31 de xaneiro de 2026.

O xurado estará integrado por profesionais da normalización lingüística e da comunicación, así como por persoas con experiencia en planificación lingüística e intervención social, que valorarán as propostas de acordo coas bases establecidas. Ningún dos membros poderá ter relación directa con proxectos candidatos.

Desde a súa creación, os Premios Mil Primaveras distinguiron unha ampla variedade de iniciativas de ámbito educativo, institucional, mediático e social. Entre os proxectos recoñecidos en edicións anteriores figuran ‘Modelo Burela’, ‘DígochoEu’, ‘Galegoempresas’, ‘Twitter en galego’, ‘Laboratorio de Apoderamento Lingüístico’, ‘Elos. Engánchate ao galego!’ ou ‘Modo galego. Actívao!’, entre outros.

Os VII Premios Mil Primaveras (2025) están promovidos e organizados pola CTNL, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra, e consolidan así o seu papel como un dos principais recoñecementos ao traballo continuado pola lingua galega en distintos ámbitos da sociedade.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.