A AGAL (Associçom Galega da Língua) organizará o vindeiro 31 de xaneiro en Santiago de Compostela a xornada ‘(Re)unidas pola Língua’, un encontro concibido como foro plural de diálogo arredor da lingua galega. A iniciativa pretende xuntar persoas e entidades con interese na lingua para escoitar, compartir experiencias e pensar colectivamente novos camiños e oportunidades, sen partir de consensos previos nin de posicións pechadas.
Segundo explica a asociación, o obxectivo é ir máis alá das medidas actuais e abrir un espazo de conversación aberto e respectuoso no que convivan visións e traxectorias diversas, tamén de persoas máis ou menos próximas ao reintegracionismo. A xornada quere reforzar a comunidade e as redes entre quen se preocupa polo futuro da lingua, ao tempo que se analizan casos concretos para aterrar o debate.
O encontro desenvolverase seguindo a metodoloxía do World Café, cun sistema de mesas temáticas rotatorias que permitirá a participación activa das persoas asistentes. Ao longo do día abordaranse cinco ámbitos principais: ensino e futuro profesional, cultura, comunicacións e redes, economía e servizos, dereitos lingüísticos e converxencia lingüística na lusofonía.
A xornada celebrarase na Casa do Taberneiro (rúa de San Pedro, 15) e contará cun programa continuado de 10.00 a 18.00 horas. A recepción e presentación están previstas entre as 10.00 e as 10.30, seguidas da dinámica do World Café ata as 14.00. Entre as 14.00 e as 16.00 haberá un xantar de convívio no propio espazo, non obrigatorio, e pola tarde realizarase unha posta en común orientada coas principais ideas xurdidas do debate.
As conclusións da xornada serán recollidas nun documento final que a AGAL prevé trasladar aos organismos nos que participa, entre eles a CPLP e o Observatorio da Lusofonía Valentim Paz-Andrade, así como a reunións con representantes do ámbito político e cultural.
A participación está aberta a todo o mundo, sen requisitos de identificación nin esixencias previas. As persoas interesadas poden inscribirse a través da ligazón dispoñible no perfil de Instagram da AGAL. Para máis información ou dúbidas, a organización facilita o contacto secretaria@a.gal.