Dende o 19 ao 20 de novembro, a Fundación Barrié, na cidade da Coruña, acolle o simposio ao redor da figura de Luísa Villalta “Mil son eu tan só, tan soa”, coordinado polas académicas Margarita Ledo e Ana Romaní. O acto, na honra da homenaxeada o 17 de maio, Día das Letras Galegas, oferta a observación en detalle da produción literaria recuperada este ano.
As tardes das tres xornadas que completan o programa do evento ofertan, en primeiro lugar, relatorios, nos que diferentes estudosas e artistas, como Eva Veiga ou Pilar García, recitan e realizan análises en profundidade das diferentes ramificacións da obra de Villalta na música e escritura.
Estes veñen seguidos de mesas redondas con diferentes perspectivas e aportacións, mais todas articuladas e tituladas seguindo os versos da poeta. Homenaxe e reivindicación feminista son as premisas da primeira xornada, á que seguirá outra terturlia sobre a musicalidade da obra para, logo, rematar o ciclo cunha ollada ao urbanismo vixente na súa poética. As voces participantes van dende Xurxo Souto a Chus Pato, ou de Tamara Andrés a Luciano Rodríguez.
Como a cultura “non ocupa lugar”, esta axenda fai oco, como remate de cada día, para unha proxección fotográfica de Maribel Longueira e a posta en escea do espectáculo baseado na figura Indóciles, así como para unha actuación musical de Uxía, que durante a súa carreira xa ten feito a súa propia homenaxe a Villalta.
As coordinadoras do programa, Ledo e Romaní, apuntan que se trata dun “espazo de procura máis que de clausura” para ollar á autora protagonista do pasado día adicado ás nosas letras neste 2024. Fomentando a curiosidade, apuntan: “Neste ano recuperouse practicamente a totalidade da obra de Luísa Villalta que permanecía descatalogada ou de difícil acceso, puxéronse en circulación de novo os títulos máis significativos mais tamén os menos coñecidos. É pois unha oportunidade para volver ler a Luísa Villalta”.