Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

‘Tía, ¡háblame como siempre!’: as dificultades dos comezos como neofalante

Cada vez máis persoas se deciden a cambiar o castelán polo galego como lingua do día a día. Detrás desta opción adoita haber un proceso de concienciación lingüística sobre a realidade diglósica do galego, ou unha querenza por adaptarse a contextos galegofalantes, ou un ánimo por probar esa lingua na que falan referentes musicais, de entretemento, literarios… Este fenómeno coñécese como neofalantismo, e designa aquelas persoas que, sendo socializadas en castelán, mudan ao galego nun momento dado da súa vida.

Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2018 reflicten que o galego é cada vez menos unha lingua materna. Nas persoas que hoxe teñen máis de 50 anos, seguen predominando aquelas que aprenderon o galego dende o berce, pero a medida que avanzamos cara ás xeracións máis novas, a tendencia torna en favor do castelán. Case o 50% da rapazada entre os cinco e os 14 anos aprendeu o castelán como lingua materna, mentres só o 19% foi socializada en galego desde o nacemento. Ante esta ruptura da transmisión interxeracional, o paso adiante das potenciais persoas neofalantes a falantes activas vólvese decisivo para o futuro da lingua.

CUESTIONAMENTOS

As experiencias son tan diversas como persoas que toman o camiño do neofalantismo. Estas poden facelo paso a paso, introducindo o novo idioma de forma progresiva nos diferentes ambientes, ou poden cortar co castelán de forma máis drástica, dun día para outro. Sexa como for, ás veces as persoas neofalantes baten con certos prexuízos lingüísticos, tanto por parte de castelanfalantes como por parte de galegofalantes nativos ou paleofalantes, que supoñen pequenos ou grandes atrancos nese proceso de transformación lingüística. Cando Alba Rodríguez, unha moza neofalante de Vigo, decidiu mudar o castelán polo galego, a primeira reacción por parte do seu entorno foi de estrañamento. “Os comentarios que tiven que soportar ían dende o típico ‘Tía, habla como siempre’ ou ‘Joder, que raro se me hace que hables así’ ata botarlle a culpa á Universidade. Dicíanme que en cando acabase a carreira se me ía acabar a tontería. Pero xa hai moitos meses que non escoito comentarios dese estilo. Supoño que agora que eu fale galego xa se normalizou”, conta. 

E é que, segundo a súa experiencia, se ben ao comezo é habitual bater con estes cuestionamentos, “todo é pasaxeiro”. “En semanas as preguntas e comentarios acábanse”, relata Alba, que se fixo neofalante hai uns tres anos ao decatarse de que “se nós mesmas non coidamos o idioma, ninguén máis o fará”. E ela teno claro: nunca hai que poñer a barreira do ‘que dirán’ por diante do que se desexa. Ademais, moitos dos primeiros atrancos forman parte do propio proceso de aprendizaxe. Coller soltura e afacerse a falar un idioma no que nunca te manexaches a nivel cotiá leva o seu tempo e require de paciencia, tanto propia como das persoas que te rodean. “A min dábame vergoña falar coa xente, porque como tiña que ir traducindo na miña cabeza do castelán ao galego, falaba moi lento, a trompicóns e con moitísimos erros”, explica Alba. “O máis complicado para min foi non dicir tempos compostos e non cambiar ao castelán cando estaba triste ou enfadada, pero é parte do proceso e estas cousas acábanse superando”, prosegue. 

Quen interactúa con esa persoa que está mudando de lingua tamén ten na súa man a posibilidade de facilitar ou apoiar no proceso. “Hai xente á que lle custa comprender que en todo cambio hai un tempo no que os intentos que acaban en erro son continuos. Está ben que te corrixan, pero co propósito de ensinar, non de avergoñar”, explícase Alba. Isto é xusto o que a profesora Pilar Ponte chama “amabilidade lingüística”: “se alguén non che pide corrección ti non tes dereito a corrixilo; se non o que estás conseguindo é interrumpir a comunicación desa persoa nesa lingua”, sinala. 

AMBIENTES HOSTÍS PARA A LINGUA

Como se desenvolve ese proceso de mudanza lingüística tamén depende moito dos ambientes en que cadaquén se mova. As maiores trabas que Alba se encontrou viñeron de parte do seu traballo como dependenta e teleoperadora. “Houbo persoas que se creron superiores por falar en castelán e que se dirixían a min de malas formas”, recoñece. 

Ás veces a escola tamén se converte nese espazo adverso para mudar de lingua. É o que lle aconteceu a Nee Barros, estudante, escritore e youtubeire, que explica que “ainda que queria mudar ao galego, era quase impossível pola hostilidade do ambiente” no centro relixioso no que estudou a primeira e a ESO. Así pois, decidiu buscar ‘entornos amigos’ da lingua onde poder botarse a falalo. “Empecei em obradoiros de teatro e também nalgum obradoiro de música. Estes ambientes eram para mim e para muitas outras crianças um espaço seguro onde medrar numa língua que, ainda que para muites de nós nom era a materna, sentíamos como própria. Aproveitava também os certames de literatura que topava para enviar textos em galego”. Precisamente esta é unha das claves para facilitar a mudanza do galego: atopar contextos de fala non hostís nos que iniciarte. Lugares onde non te xulguen pola lingua e onde te acostumes a interactuar en galego de forma tranquila.

Por iso, moitas persoas neofalantes aconsellan comezar paseniño introducindo o galego en ámbitos de uso de menor a maior dificultade. A casa, aquelas amizades de toda a vida ou esoutras relacións que están moi asentadas adoitan ser as máis complexas. “Para min o máis difícil foi falar galego con miña nai e miña avoa. Durante longo tempo pasou que, na mesma conversa, entre elas falaban galego, eu a elas galego, pero elas a min castelán. Levou tempo que iso cambiase. O mellor, penso, é comezar polas persoas que non coñeces, nos comercios, coas novas amizades, porque esa xente non ten nada que desaprender contigo”, indica Pilar Ponte, tamén neofalante e impulsora dos ’21 días co galego e +’, un exemplo claro de creación deses contextos de fala.

Á ourensá Rebeca Bande, que prendeu no galego hai uns 15 anos, os maiores atrancos atopounos coas súas amizades do instituto e no ámbito laboral. “Na casa foi bastante cuestión de fluír”, indica, “pero onde si tiven conflito foi nas amizades. Nunha chamada, así medio de broma, unha delas díxome que non lle falase en galego. E sentárame fatal! Desde aí xa avisei: ‘comunícoche que a partir de hoxe me vas escoitar falar galego todos os días da miña vida!’”, conta entre risas.

O posto de traballo, na banca, foi o último ámbito onde introduciu o galego. Facelo converteuse nunha experiencia agridulce. Por un lado, atopou máis rexeitamentos. “Eu enténdoos como ataques á lingua. Tales como ‘mira, perdona, háblame castellano’. Outra persoa por correo electrónico díxome ‘mira, perdona, por curiosidad, ¿y tú por qué me escribes en gallego si yo en ningún momento te escribí en gallego ni he solicitado que me atiendas en ese idioma?”. Isto foi este verán pasado”. Con todo, polo outro lado, tamén deu con moitas máis persoas que comezaron a comunicarse con ela en galego ao iniciar a conversa cun ‘bos días!’. “Eu sempre valoro este axente galeguizador que temos e do que non somos conscientes”.

Marta Salutregui, moza ferrolá neofalante, tamén detectou ese “efecto dinamizador” das persoas neofalantes. “O feito de que algunhas das persoas castelanfalantes da miña contorna me respondan en galego é indicativo de que o cambio foi ben recibido. O que si que me sorprende negativamente é que se me especifique que non hai problema porque o empregue… Xa sei que podo facer un exame nun centro público de Galicia en galego! Faltaría máis!”, defende. Amais de dinamizadores da lingua, os novos falantes de galego poden servir como referentes para outras persoas. “Que os meus sobriños me vexan falar con normalidade fai que entendan que o galego non limita, nin é de vellos ou de pailáns”, explica Juan Vergara, galegofalante instalado en Bruxelas. 

UNHA XUNTA QUE “NON FAI O SEU TRABALLO”

Parte das críticas sobre a supervivencia hoxe en día deste tipo de prexuízos sobre o galego -que non é útil, que é de vellos, que soa bruto…- apuntan e responsabilizan á administración no seu traballo de dinamización e normalización lingüística. Neste sentido, o escritor e músico Xurxo Souto non dubida en expresar que o galego “nunca se atopou nun estatus peor” dende a propia Xunta de Galicia. “Agora dinlle ás miñas fillas que o galego non vale para as matemáticas. E quen llelo di? Directamente a Xunta. As linguas minorizadas avanzan co impulso da sociedade e da administración, que non está facendo o seu traballo”.

Nee Barros é clare tamén a este respecto: “O que nom pode acontecer é que muitas das iniciativas que dinamizam a nossa língua dependam da vontade de gente que trabalha de jeito completamente altruísta, ou quase, como estamos a ver. Deveriam fomentar, por exemplo, projetos como Twitch en galego ou Podgalego; ou disponibilizar as séries e filmes dobradas à nossa língua. Que existir existem, mas nom temos acesso a elas. Levamos 40 anos de oficialidade, e parece que estamos a retroceder”. Fronte á realidade en que moitas crianzas aprenden o castelán “por defecto”, Barros chama a garantir una educación infantil íntegra en galego. “Já estamos a ver persoas que querem dar o passo de falar na nossa língua e que, polo seu escasso conhecimento dela, nom som capazes”.  

Á espera das necesarias decisións políticas, a opción persoal eríxese como unha das maiores aliadas “para garantir unha lingua galega chea de vitalidade a mediados do século XXI”, fala o sociolingüísta Fernando Ramallo. Comezar un proceso de mudanza lingüística leva consigo as dificultades propias de calquera transformación, mais as experiencias das persoas neofalantes confirman que paga a pena. Ramallo non dubida: “Dar o paso pode non ser tan «radical» como ás veces se pensan, na medida en que a lingua galega, afortunadamente, non é unha lingua morta. Animo a que sexa no sistema educativo, ben na ESO, no Bacharelato ou nos estudos universitarios, o momento de iniciar unha praxe consciente a este respecto. A satisfacción, a medio e a longo prazo, é impagábel e a sociedade futura quedará ben agradecida”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.