O 7 de novembro é a data marcada polo BNG para arrincar un novo “ciclo” na formación nacionalista coa celebración do plenario da XVII Asemblea Nacional, despois da “resistencia, reorganización e despegamento”, en palabras da súa portavoz nacional, Ana Pontón, que encabeza a lista e o proxecto co que o Bloque aspira, de forma explícita, a alcanzar a Xunta en 2024.
Entre as prioridades políticas, o BNG fíxase a “preparación necesaria para incrementar a presenza do BNG” nos concellos e, en consecuencia, “o número de gobernos”. “Un BNG forte e activo, tanto nos concellos en que gobernamos, como nos que somos oposición, supón unha chave fundamental para ampliar a nosa base social, transformar os concellos e consolidar a alternativa política nacionalista”, sinala.
No ámbito da formación á militancia, pretende aumentar o nivel de coñecemento da base social organizada sobre Galicia, a súa historia e realidade económica e social, xunto coa lingua –“usos e corrección”– e o nacionalismo galego. Ao fío diso, considera “necesario esforzarse tanto nas comunicacións escritas, como na expresión oral, buscando nelas unha prosodia correcta e mesmo un acento apropiado, singularmente, cando se espere difusión masiva ou proceda de cargos públicos do BNG”.