Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

“Foi un acerto poñer a 3.000 nenos e nenas de Ames a falar en galego”

O primeiro encontro para intercambiar valoracións entre representantes da Real Academia Galega (RAG), o Concello de Ames, o profesorado e as familias que participan no programa ‘Modo galego, actívao’ evidenciaron resultados “moi positivos” tras “21 días de compromiso lingüístico”.

A RAG concibiu esta xornada, explicou, como un recoñecemento público á implicación do profesorado, pais e nais e asociacións neste programa, todos eles axentes esenciais para o éxito da experiencia.

Neste contexto, Monteagudo explicou que “foi un acerto” que, por primeira vez, participasen todos os centros públicos de Ames, preto de 3.000 nenos e nenas, xa que facilitou que os mozos falasen galego ao saír do colexio con amizades doutros centros.

Así mesmo, Pampín destacou que esta proposta convidou á reflexión lingüística por parte dos nenos de toda a comunidade educativa e das familias e asegurou que traballarán por reverter a situación da lingua do concello.

PRIMEIROS RESULTADOS

O encargado de dinamizar o blogue que serviu de guía ao profesorado e ás familias, Gabino Vázquez-Grandío, engadiu que, con maior ou menor interese, os nenos viviron estas semanas como un “desafío divertido”, e entre o alumnado maior o compromiso tomouse “moi en serio” e deixouse entrever un interese real en vivir o cambio lingüístico.

As conclusións que elaborará o Seminario basearanse, entre outros traballos, na análise dos datos de adhesión ao proxecto por aulas, nas follas de seguimento diario do alumnado que avaliou o seu grao de cumprimento do compromiso e dos diarios de campo dos monitores e monitoras das actividades extraescolares. Farase, ademais, unha enquisa entre o profesorado para coñecer as súas impresións.

Con todo, a RAG espera que esta experiencia piloto e a súa avaliación sirvan para establecer un modelo de compromiso lingüístico na infancia replicable noutros concellos sen necesidade do acompañamento da institución.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.