O conto ‘A Galiña azul’, do escritor galego Carlos Casares, xa conta coa súa versión en ucraíno, editada en colaboración coa fundación do escritor e a Xunta de Galicia para que a mocidade ucraína escolarizada aquí “comparta os valores e a cultura galega no seu propio idioma”.
A nova versión, con ilustracións infantís, foi presentada este venres na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela da man do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares Berg, fillo do escritor.
O titular de Educación lembrou que actualmente o sistema educativo galego conta nas súas aulas con máis de 700 crianzas ucraínas que, desde o inicio da invasión rusa, se foron incorporando a 125 centros; “un número que aumenta diariamente”. Máis información en xunta.gal.